La Voz de Galicia

«Dende hai dez ou once anos, non hai festa sen xogos tradicionais»

Lugo

XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

Xosé Lombardero, coordinador de Xotramu, amósase satisfeito por ter participado nunha reunión con asociacións semellantes en Italia

21 Sep 2019. Actualizado a las 13:19 h.

Os xogos son cousa seria. Velaí, por exemplo, o caso dunha xente de Muimenta: comezou a recuperar xogos que antano se practicaban na vila e noutras zonas da Terra Chá, e agora, anos despois, non só ten acadado que se xogue sen usar a pantalla do ordenador ou do teléfono móbil senón que participa en reunións internacionais. Unha delegación vén de pasar varios días en Siena (Italia), que acolleu un festival internacional no que tamén participaron asociacións dese país e de Francia.

Xosé Lombardero, coordinador da Asociación dos Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu), formou parte da delegación que viaxou a Italia. A experiencia, polo que di, foi sen dúbida interesante: serviu para coñecer xogos semellantes, para amosar os de aquí e para comprender, en contacto con outras asociacións dun trazo similar, canto se ten feito nestes anos.

—Son os xogos doutros países distintos aos de aquí? Xógase dun xeito máis ou menos semellante en países que teñen certas similitudes?

—Os xogos así son distintos. A billarda de Italia é totalmente distinta á nosa. Pero se ves fotos de Galicia de hai uns oitenta anos, ves que os rapaces se poñían diante da billarda; alí, igual, e en Galicia, hoxe, non. O que realmente chama a atención é a infraestrutura que hai. O que queremos é convencernos de que Galicia pode ir cos seus xogos propios, acudindo toda a comunidade e non só a xente de Xotramu. O que nos interesa é que haxa unha delegación de Galicia convidada: por exemplo, quizais había en Siena unhas 300 persoas de Bretaña, que foi o territorio invitado este ano.

—Se se compara, despois de ter participado nesta experiencia, o mundo dos xogos tradicionais da Terra Chá e de Galicia co doutros países, en que situación se está aquí?

—En Italia participa todo o mundo. Aquí, depende: a xente segue a ser tímida para participar. Aínda queda esa timidez. Á xente gústalle ver, pero di ‘a esa trangallada, eu non xogo’. O que importa é xogar e pasalo ben, que mais queres. Pero hai que ir pouco a pouco.

—Chegará a vir aquí algunha delegación do estranxeiro paera amosar os seus xogos?

—Pode ser. Pero quen corre cos gastos? Se teñen que vir cinco ou dez persoas, xa me contarás... Pero calquera día veñen, porque son moi decididos [ri].

—Despois de ter convivido uns días con xente doutros países e de ver o que fan, conseguiuse moito na recuperación dos xogos que promove Xotramu?

—Comezouse en Muimenta; pero agora estase a medrar, e nós, encantados. Dende hai dez ou once anos, non hai festa que non teña no seu programa xogos tradicionais. Serán de Xotramu ou doutras asociacións, pero non hai festa sen xogos.

—Interesaron en Italia os xogos que en Galicia se practican con Xotramu?

—Un dos que levamos foi o lanzamento de boina. En Muimenta facíase moito cando se ía ao monte; alí non se facía. Fixemos unha demostración, e tañén participaron os maís pequenos de alí. Viñemos encantados.


Comentar