La Voz de Galicia

Guiando o pobo

Lugo

María Sandez

27 Nov 2019. Actualizado a las 08:43 h.

Este 25N volveu ser unha data de protestas e reivindicacións que un ano máis tinguiu as rúas de violeta nunha manifestación pública de repulsa, revitalizada, quizais, polo cuestionamento a que algúns sectores da extrema dereita someteron, nos últimos tempos, o tema da violencia contra as mulleres. Mais este ano, na capital lucense, o día e os seus actos estiveron acompañados pola aparición, na cidade, dunha nova intervención do Primo de Banksy, cunha obra de especial beleza que emula A liberdade guiando o pobo, de Delacroix.

Coma outras veces, o espazo seleccionado para a intervención é tan significativo coma a obra mesma, e, se a figura do mestre represaliado que homenaxea a Castelao apareceu no edificio do Cárcere Vello, nesta ocasión o lugar escollido foi a Casa da Muller, no barrio da Milagrosa.

A imaxe presenta a unha muller despeiteada e cos peitos ao descuberto, portando unha arma e unha bandeira e mirando cara atrás, cara a unha masa que se intúe e á que guía cara á loita. O simbolismo desta nova achega é sumamente potente: evoca as reivindicacións de Femen, mais co tinguido de respectabilidade asociado a unha obra clásica, emblema de Francia. Vincula tamén a loita feminista con tinguido épico co que se insinúa a premonición dunha vitoria asociada ao avance dos tempos.

Loita colectiva, acontecemento transcendente, marea imparable que mudará a historia. Imaxino unha muller chegando a esta Casa, afundida pola violencia, precisada de axuda para seguir vivindo e recuperar a ilusión. Esta imaxe ten que facerlle sentir que o seu non é un problema individual e que non se atopa soa.


Comentar