Con alegría, malia todo
Lugo
17 Mar 2020. Actualizado a las 20:41 h.
Xa o dicía Oscar Wilde. A vida imita a arte. Nunca semellou tan tristemente lúcida esta reveladora e coñecida cita coma nestes días nos que as rúas se baleiran e os coches de policía velan polo cumprimento das normas que nos rexen en estado de alerta.
Durante o século XX, o vello xénero utópico transformouse e encheu as nosas fantasías de universos distópicos relacionados coa intelixencia artificial, coa invasión extraterrestre, coa apocalipse climática ou coa ameaza biolóxica dunha pandemia. E agora, de súpeto, semella que espertamos no medio dun pesadelo de ficción.
Nesta reclusión forzosa, a arte acompáñanos en forma de libros, de películas, de múltiples produtos culturais ó noso alcance… Non cabe dúbida de que en ningún outro momento da historia foi posible cumprir un confinamento con menor sensación de soidade: as novas tecnoloxías póñennos en contacto e permiten múltiples formas de actividade. Mesmo fan posible o teletraballo.
Aulas virtuais, bibliotecas dixitais con inmensos repositorios… Se a literatura é premonitoria, non cabe dúbida, tamén, de que é curativa. A través da ficción anticipamos os perigos, cobramos forza para enfrontármonos aos desafíos e ás dificultades e atopamos solucións.
E tamén podemos evadirnos. Porque a literatura é, en último caso, un consolo, un sentido para a traxedia e por iso me parece revelador, nestes días, o concepto de literapia, que alude ao seu potencial curativo.
A introdución do Decamerón de Boccaccio contén unha impresionante descrición dos efectos da peste negra na cidade de Florencia e os seus arredores na primavera de 1348. Tamén entón os cen contos da obra foron os relatos que os personaxes se contaron para seguiren vivindo. Con forza. Con alegría. Malia todo.