La Voz de Galicia

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ estréase o vindeiro curso con 230 docentes

Lugo

Lucía Rodríguez Peña Lugo/La Voz
A implantación en Galicia da rede educativa galega LGBTIQ+ e docentes das catro provincias galegas

Buscan erradicar a discriminación por razón de sexo, xénero ou orientación afectiva-sexual

27 Jul 2020. Actualizado a las 11:46 h.

Ofrecer ao alumnado unha persoa de referencia nos seus centros de ensino que o escoite, o acompañe, non o xulgue e lle transmita seguridade foi o motor que puxo en marcha a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+, siglas que abranguen distintas orientacións sexuais e identidades de xénero. Uns 60 docentes sensibilizados coa diversidade afectiva-sexual participaron en outubro do ano pasado na asemblea fundacional desta Rede, convertida agora en asociación co empuxe de 230 socios de toda Galicia e que sitúa á comunidade como pioneira na resposta ás demandas da rapazada neste eido.

O vindeiro curso servirá para estrear esta ferramenta que proverá aos centros educativos de docentes cunha formación específica en igualdade e respecto á diversidade sexual. O alumnado poderá dirixirse a eles para solicitar un asesoramento personalizado, que se realizará dende unha posición de respecto e sen prexuízos e no que se lle transmitirá a liberdade para adoptar as súas propias decisións.

Vontade do profesorado

A diferenza doutras comunidades autónomas como Canarias, que destaca pola resposta institucional a esta demanda educativa no eido afectivo-sexual, a Rede galega é unha fórmula impulsada «por vontade particular do profesorado», algo que a converte nunha rara avis a nivel nacional e a sitúa como referente para outras rexións, interesadas xa neste modelo.

A asociación permite ao profesorado crear «unha rede de asesoramento e apoio mutuo», onde «aproveitar as sinerxias e compartir esforzos e recursos», segundo explican as súas fundadoras, que subliñan a importancia de que o colectivo supoña tamén un «espazo seguro para o profesorado LGBT+».

Nove meses de xestación

A Rede conta na actualidade con 230 docentes de toda Galicia e o desexo das participantes naquela primeira cita do 9 de outubro de 2019 é que continúe o crecemento experimentado ao longo destes nove meses de xestación a chegar así a todo o alumnado que precise da súa intervención. «Todos os centros de Galicia deberían traballar con normalidade a diversidade sexoxenérica nas súas aulas», apuntan.

«A educación en igualdade, a erradicación de estereotipos e discriminacións por razóns de sexo, de identidade de xénero ou de orientación afectiva-sexual é unha tarefa necesaria»

Nese senso, reivindican que «a educación en igualdade, a erradicación de estereotipos e discriminacións por razóns de sexo, de identidade de xénero ou de orientación afectiva-sexual é unha tarefa necesaria atendendo á lexislación actual a tódolos niveis, europeo, estatal e galego».

O obxectivo, segundo recalcan, é sentar as bases «para conseguir un centro coeducativo libre de discriminación, para que todo o alumnado teña o mesmo dereito a unha educación de calidade nun ambiente escolar seguro».

«É importantísimo que exista nos centros unha figura de referencia, formada no tratamento ao alumnado que carga cunha mochila de acoso, insultos e agresións. Este tipo de iniciativas é unha forma de curar esas feridas e a experiencia que acumulamos é moi boa», conclúe Ana Ojea, primeira titora LGBTIQ+ de Galicia e cofundadora da Rede Educativa Galega.

Presenza nas catro provincias

Noemí Díaz Vázquez - IES E. da Guarda (A Coruña): 

«Os centros teñen que ser seguros para os alumnos e tamén para os profesores»

O concepto de «seguridade» resulta fundamental no nacemento desta rede de apoio ao alumnado. Nel fai fincapé Noemí Díaz, que reflexiona: «Os centros educativos teñen que ser espazos seguros tanto para o alumnado como para o profesorado LGBTIQ+, que non vulneren os seus dereitos e equiparen as súas vivencias e sentimentos aos de toda a comunidade educativa».

Mar Corbelle Valiño - IES S. Rosendo (Mondoñedo):

«Sinto a necesidade de romper falsos tópicos, estereotipos e prexuízos»

Profesionais da docencia que participan nesta rede entenden que unha das claves para desarticular o odio contra este colectivo consiste en eliminar os estereotipos cos que este se atopa a diario. Así o remarca Mar Corbelle: «Coma docente sinto a necesidade de romper falsos tópicos, estereotipos e prexuízos cos que se identifica ao colectivo LGBTIQ+ e que incitan ao odio e a fobias infundadas».

Ovidio Villar Marcos - IES C. Casares (Viana do Bolo):

«Queremos ser luces no sistema educativo galego dunha sociedade diversa»

Un dos puntos de conexión do profesorado que participa nesta rede é a necesidade de «educar na pluralidade» e amosar así que a sociedade é diversa. Así o razoa Ovidio Villar: «Queremos ser luces no sistema educativo galego, brillando xuntas con todas as cores imaxinables para poder navegar por unha sociedade diversa e para educar na pluralidade e na idea de que todas somos únicas e irrepetibles».

Ana Ojea Alonso - IES Politécnico de Vigo:

«Os grupos de apoio permiten que o alumnado atope reforzo e respecto»

O alumnado pode exercer como «axente de cambio» grazas a esta rede, segundo explica Ana Ojea: «Os grupos de apoio LGBT+ constitúen un entorno seguro para que o alumnado se exprese libremente, que atope reforzo, respecto e empoderamento nunha etapa tan decisiva como é a adolescencia e sexa axente de cambio no centro educativo para fomentar, entre iguais, unha convivencia positiva e respectuosa».


Comentar