La Voz de Galicia

A revista da que Manuel María estaría orgulloso: lucense, plural e con apoio

Lugo

UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ
Toño Núñez na casa museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, co número 22 de Xistral

O naviego Toño Nuñez estivo á fronte da publicación por segundo ano consecutivo

27 Nov 2020. Actualizado a las 12:54 h.

Xistral comezou como unha «arroutada de mozos» dun Manuel María dos anos 50 e agora é un legado de referencia para a poesía galega. Algo semellante é a evolución da andanza de Toño Núñez, un profesor xubilado oriúndo de Navia de Suarna. Aínda que afirma que a poesía é parte del, comezou a publicar os seus poemas «bastante tarde». Un dos primeiros espazos nos que escribiu foi Xistral, no número 7; e agora, leva dous anos coordinando a revista que admiraba de mozo. Publicar en Xistral «foi un gran logro» e pasar á fronte dela, unha proposta pola que está «moi agradecido» ao anterior coordinador, Camilo Gómez.

O último número, o 22, componse de 150 poemas de 77 autores galegos. Tras esta segunda experiencia, Toño afirma que o proceso de elaboración é traballoso, cunha dedicación de meses —aínda que non exclusiva—, pero moi enriquecedor. O elevado número de colaboradores débese a que a escolla deles «é mínima». «Esa era a filosofía de Camilo e eu, por suposto, mantéñoa», sentencia Núñez.

«O fin da revista é manter viva a poesía, achegala ao pobo e darlle voz»

Filtrar aos colaboradores só é unha opción de futuro no caso de que a participación siga medrando ao ritmo actual. Mentres tanto, en Xistral serán benvidos calquera número e tipo de poetas, sempre que escriba en galego, porque a pluralidade é o maior espírito da publicación. «Pluralidade de estilos, temáticas ou escolla lingüística do galego», amplía Núñez. A coordinación da revista busca tanto grandes poetas consagrados da literatura contemporánea galega como autores emerxentes de calquera idade. «O fin da revista é manter viva a poesía, achegala ao pobo e darlle voz».

«Manuel María asumiría a co-coordinación xunto con Toño sen pensalo»

Esta foi a premisa base que motivou a Manuel María a querer crear Xistral: «Un lugar sen censura, que respectase escrupulosamente a liberdade dos poetas e a súa ortografía», inspirado polo momento que vivía. A revista aínda conserva moito do poeta lucense; comezando polo coordinador. «Manuel María dicía que era poeta con algo de labrego e eu recoñézome e identifícome plenamente con esa definición, pois tamén me declaro labrego da palabra», constata Núñez. A relación do coordinador con Manuel María é de lector, admirador e, tamén, imitador, e por iso lle parece «pretensioso» considerarse parte do seu legado. Polo que prefire destacar o traballo feito durante case 20 anos por Camilo Gómez. Este outro lucense opina que a revista actual coordinada polo seu compañeiro é exactamente o que Manuel María quixera que fose. «Asumiría a co-coordinación xunto con Toño sen pensalo».

A voz poética de Lugo

Aínda que a proxección e influencia da revista é toda Galicia e participen nela autores de toda a comunidade, a súa personalidade é lucense. «A maior parte dos poemas que se poden ler neste e nos anteriores números están inspirados en persoas, en feitos ou en realidades da nosa provincia». Por esta carga lucense, o Concello de Lugo financia e edita esta publicación. «Penso que Manuel María estaría encantado de ver como distintos grupos políticos apostaron polo proxecto e lle deron continuidade porque é máis cuestión de vontade ca de presuposto», opina satisfeito Toño Núñez.

 

A historia

Manuel María e o seu amigo Manuel Antonio Sopena crearon a revista poética Xistral no 1949, pero só se publican dous números por problemas económicos. No 2000, o profesor do IES Lucus Augusti e amigo do poeta chairego, Camilo Gómez Torres, refundiu o proxecto. Coordinou a publicación dende o número 3 ao 20.


Comentar