La Voz de Galicia

Alumnos do IES Leiras Pulpeiro crean un dicionario para que os maiores de 50 anos comprendan a linguaxe da mocidade

Lugo

UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ
Á esquerda Noemí García con parte dos autores das publicacións do Dicionario para boomers

A docente Noemí García ideou para os rapaces de 1º da ESO o «Dicionario para boomers» con palabras como crush, shippear ou rebolar

17 Feb 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Crush, «LOL», «RT», «bro» ou random son palabras coloquiais utilizadas a diario pola mocidade actual que dificilmente terían cabida nas clases de lingua do colexio. A profesora do IES Leiras Pulpeiro, Noemí García, non pensa o mesmo. «Os docentes temos que falar a mesma lingua cos alumnos se queremos chegar a eles», defende. Esta lucense de 25 anos dá clase de galego no curso de 1º da ESO e dende hai catro semanas, xunto cos seus doce alumnos, iniciou o proxecto Dicionario para boomers. «Eles saben moito de videoxogos ou de redes sociais, entón quería que eles mesmos se convertesen profesores doutra xente sobre o que saben e así facer algo en prol da lingua», explica Noemí.

O dicionario que están elaborando recolle palabras utilizadas polos rapaces como gamer, «vaina» ou «pana» e apunta a súa definición en galego. Está dirixido aos boomers, é dicir, é xeración nacida no baby boom. «Cada 15 días facemos unha chuvia de ideas na que eles propoñen palabras e despois establecemos un calendario para cada unha», explica Noemí.

A parte didáctica consiste en buscar o significado do termo, a súa categoría gramatical e escribir a súa definición e unha frase empregándoo. Algunhas das palabras contan con tradución, como rebolar («perrear» en castelán), ou youtubeiro (de youtuber), pero outras son anglicismos e castelanismos. «Os rapaces non relacionan o galego con palabras como crush, pensan que é una lingua do século pasado». A finalidade do proxecto, ideado na súa totalidade por Noemí, é modernizar a lingua galega: «O galego é unha lingua viva e ten que adaptarse para poder normalizar os novos usos da mocidade». Aínda así, as clases non quedan exentas do temario tradicional e da literatura clásica.

Deberes en Instagram

A innovación da materia que imparte Noemí tamén afecta ás ferramentas empregadas: os deberes tamén se fan en Instagram. O Dicionario para boomers atópase nas redes sociais. «Como son nenos de 12 ou 13 anos, encárgome eu de subilo ás redes, pero o contido fano eles», conta. A nova docente tiña claro que quería innovar na metodoloxía de ensinanza porque coa tradicional non se implican do mesmo xeito: «Usando as redes sociais pensan que non están traballando, parécelles un xogo porque é onde pasan as súas horas de ocio».

En apenas catro semanas que levan de proxecto, xa teñen máis de 900 seguidores en Instagram. «Están moi involucrados, din: ‘somos famosos!’». Internet é o principal recurso de Noemí, que emprega creadores de contido en galego para explicar temario clásico. Por exemplo, co último vídeo do grupo Tanxungueiras falaron do traxe tradicional galego, ou ven streamers que xogan ao Among Us en galego. «É unha forma de ensinarlles que o galego non só é unha lingua para falar cos avós, senón que hai referentes que lles gustan que tamén o falan».

O programa de Noemí comeza a dar resultados. «Son castelán falantes, pero nas redes empregan o galego para falar entre eles. Ademais, intentan mellorar, nótase o cambio», conta. A lucense asegura que hai moitos galegos facendo proxectos na nosa lingua que non chegan ao gran público, así que o seu deber como docente é achegalos ao alumnado que fala castelán. «Axuda a ligalos ao galego do 2021». O dicionario elaborado polos alumnos do Leiras Pulpeiro é o xeito idóneo para acabar «sendo admin» en galego. Se quere saber o significado, xa sabe onde atopalo.


Comentar