La Voz de Galicia

Paloma Vela, de Afundación, sobre a mostra de Lugo: «Temos moito poder sobre o que pasa no noso entorno»

Lugo

Félix Jorquera /  Lugo / La Voz L.L. Lugo / La Voz

Unha visita impactante por «O noso planeta»

A exposición «O noso planeta» mostra a beleza natural da Terra e busca concienciar sobre a importancia de hábitos sostibles

09 Mar 2021. Actualizado a las 13:49 h.

A sede lucense de Afundación (Praza Maior, 16) acolle ata o 5 de xuño a exposición O noso planeta, baseada na serie homónima de Netflix. Poderase visitar de luns a sábado de 17.30 a 20.30 horas. Paloma Vela é a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.

 

-É unha mostra interactiva...

-Si, interactiva e experiencial, que é un obxectivo que nos propuxemos en Afundación, que non só visitemos unha exposición, senón que a vivamos. E esta mostra é especialmente importante que a vivamos todos os que asistimos á sala de exposicións porque ten unha mensaxe moi importante, de sostibilidade, da importancia de empezar agora, hoxe, nestes mesmos momentos, a coidar o noso planeta, a levar unha vida sostible. Por iso pensamos que é máis oportuno se o contamos dun xeito vivido na propia sala. Así que non só hai unhas espectaculares fotografías extraídas do documental de Netflix, senón que tamén temos un chan interactivo, que parece que na propia sala pisamos os fondos do mar ou asistimos a unha mesa de luz que vai arroxando preguntas e respostas sobre sostibilidade, acompáñannos uns animais de cartón que nos van sorprendendo nas esquinas das salas, ou un documental animado, Lemon, producido pola Fundación Reina Sofía. É moi diversa nos seus formatos porque pretendemos que a mensaxe quede moi clara ao saír da exposición.

 

-Medrou a concienciación sobre o medio ambiente coa pandemia?

-A pandemia amosounos que formamos parte dun ciclo natural no que estamos inmersos, que non podemos vivir de costas ao que pasa na natureza, que nós formamos parte dese ciclo de vida... Pero sempre se pode ir máis aló e este é o momento de empezar a concienciarse de que non só estamos a falar dunha sostibilidade que recae na responsabilidade das empresas, das grandes industrias ou gobernos, senón que nós, na nosa vida cotiá, temos moita responsabilidade, moito poder sobre o que pasa no noso entorno e planeta. Por iso un dos elementos da exposición é «que podo facer eu?» Porque temos que reflexionar, como familias e individuos, que a vida útil dunha bolsa de plástico é dun cuarto de hora e que se producen 500 billóns ao ano. Iso aféctanos, e cando imos á tenda temos que levar a nosa bolsa. Todas as pequenas accións contan. É agora e non mañá o momento de cambiar a nosa forma de vivir para ser máis aliñada coa sostibilidade do planeta.

-Como está estruturada?

-En oito apartados, que son os mesmos capítulos nos que se organiza o documental de Netflix: mundos de xeo, auga doce, pradarías, desertos, bosques, selvas, litorais e alta mar. Son oito ecosistemas diferentes e 45 fotografías en total. Cada parte vai precedida dun texto escrito por especialistas, no que nos falan dende perspectivas ecolóxicas, biolóxicas, curiosidades medioambientais, alarmas... Todo suma o esplendor do planeta, a beleza que teñen a fauna e a flora do mundo onde vivimos, o noso fogar, no que de vez en cando hai que investir para manter o patrimonio ao día.

-É moi recomendable a mostra para público familiar, non si?

-Moitísimo. Está enfocada para todos os públicos porque neste barco estamos todos, pero realmente tivemos presente o público familiar no deseño: o audiovisual de animación, duns tres minutos, dunha tartaruguiña moi mona que sae do seu ovo... son linguaxes especialmente atractivas para as crianzas. E agora que as restricións nos impiden saír, con esta exposición podemos viaxar a selvas, alta mar, pradarías de África, mundos de xeo da Antártida... sempre é atractivo atoparnos con escenarios diferentes dos habituais e aprender deles.


Comentar