Que tesouros ofrece Navia de Suarna en primavera?
Lugo
Guido Guía e a Irmandade Naviega organizan para este sábado unha xornada viaxeira con rutas, actividades e xantar. Será a primeira das actividades do novo programa sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses
18 May 2021. Actualizado a las 10:26 h.
Navia de Suarna como unha caixa de sorpresas, como un lugar ateigado de tesouros ao alcance de todos. Así se presenta a localidade que será protagonista dunha orixinal xornada viaxeira que organizaron para este sábado a A.V. Irmandade Naviega e Guido Guía, co apoio da Deputación de Lugo. «Navia en primavera» combinará rutas, con visitas guiadas, xantar e intercambios, nunha xornada que se desenvolverá entre as 11.00 e as 18.00 horas.
A actividade comezará pola mañá cun percorrido circular polo paseo fluvial. O xantar terá lugar despois na área recreativa do Alargo. Pola tarde, desenvolveranse a proba de Navia, a Navia monumental, arte urbana e recunchos singulares. A actividade está dirixida ao público en xeral, tendo como punto de encontro a Praza Maior de Navia. Os interesados en participar deben inscribirse no teléfono 664 333 496.
Actividades nos Ancares
Esta é unha das actividades incluída na nova programación sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. De feito, a Deputación xa fixo pública esta nova quenda de actos, que inclúen alternativas de divulgación e educación ambiental en torno á Reserva dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, un territorio xestionado pola propia institución provincial. As actividades realizaranse cumprindo coa normativa sanitaria vixente e están pensadas para o público en xeral, para adultos ou para nenos de 4 a 12 anos.
As xornadas comezarán este sábado, tanto coa ruta «Navia en primavera» coma cun curso de apicultura e loita conta a velutina en Cervantes. Realizaranse durante as últimas semanas dos meses de maio e xuño en distintos puntos dos concellos que conforman a Reserva de Cervantes, Navia e Becerreá.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades poderán reservar a súa praza a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org. Para obter máis información, poden chamar ao teléfono 982 227 813. As inscricións faranse por rigorosa orde de reserva e ata completar o aforo segundo permitan as autoridades sanitarias en cada momento.
A programación é a seguinte:
Becerreá
• 23, 25, 28, 29 e 30 de xuño. Campamento infantil de natureza e reciclaxe. Actividade está dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos, no Centro Social de Becerreá de 10.00 a 14.00. Inscricións no 982 360 704.
• 28 de xuño. Obradoiro de repostaría con produtos locais. Actividade orientada a adultos, no Centro Social de Becerreá, de 16.00 a 20.00 horas. Inscricións no 982 360 704.
Navia de Suarna
• 22 de maio. Ruta «Navia en primavera». Para público en xeral, co punto de encontro na Praza Maior de Navia de Suarna, entre as 11.00 e as 18.00. Inscricións no 664 333 496.
• 30 de xuño. Obradoiro de repostaría con produtos locais. Actividade orientada a adultos, no Colexio Daniel Monge de 16.00 a 20.00. Inscricións no 659 991 400.
Cervantes
• 25 e 26 de maio. Formación Gandeira rexenerativa. Realizarase no Edifico de Servizos Múltiples para adultos, de 10.00 a 14.00. Inscricións no 679 192 000.
• 22 e 23 de maio. Curso de apicultura e loita contra a velutina. Actividade orientada a adultos, no Multiusos de San Román, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 o día 22; e de 10.00 a 14.00, o 23. Inscricións no 982 364 904.