La Voz de Galicia

«A pandemia tamén complicou a observación guiada do ceo nocturno»

Lugo

fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ FÍSICO E DIVULGADOR CIENTÍFICO
Dosi Veiga cun exemplar do calendario «Ceos Galegos»

O físico e divulgador Dosi Veiga participou na Pobra do Brollón no Festival Científico de Galicia

19 Jul 2021. Actualizado a las 11:01 h.

O físico e divulgador científico Dosi Veiga, editor do calendario Ceos Galegos, participou o pasado sábado no segundo Festival Científico de Galicia, no municipio da  Pobra do Brollón. A súa intervención consistiu nunha actividade de observación comentada do ceo nocturno que se levou a cabo no castro de San Lourenzo de Cereixa baixo o título de «O ceo dos lemavos».

-O ceo nocturno que podían ver os lemavos era moi diferente do que vemos hoxe?

-Era diferente no sentido de que os antigos habitantes da Terra de Lemos, como os doutras partes de Galicia, non lles daban ás estrelas e ás constelacións os nomes cos que as coñecemos hoxe. Os nomes que lles damos nós proceden da mitoloxía romana, grega, exipcia... Pero os lemavos e outros pobos castrexos non lle podían dar a unha constelación, por exemplo, o nome de Leo ou León, porque non sabían o que era un león. Non sabemos como chamaban ás estrelas e constelacións, pero serían seguramente nomes asociados aos seres e ás cousas que eles coñecían, como vaca, porco bravo, cereixa... O é que seguro é que coñecían con exactitude as épocas do ano nas que se producen fenómenos astronómicos como os solsticios e os equinoccios. Na Pobra do Brollón e na Terra de Lemos non se coñecen construcións castrexas que estean aliñadas coa luz solar nos días de solsticio e equinoccio, pero noutras partes de Galicia si que as hai, o que proba que estes pobos antigos coñecían perfectamente eses fenómenos.

-Que é o máis interesante que se pode ver nesta época do ano no ceo nocturno de Galicia?

-O que máis chama a atención agora é sen dúbida a Vía Láctea, que nesta época do ano atravesa o ceo pola metade. Outra cousa relevante que se pode ver é o chamado Triángulo de Verán, formado polas estrelas Lira, Aguia e Cisne. Cada unha desas estrelas é a máis visible doutras tantas constelacións, polo que son moi interesantes para dar ao público algunhas explicacións sobre esas constelacións nas observacións guiadas como a que a ofrecemos en Cereixa. Neste tempo tamén comezan a verse as chuvias de meteoritos coñecidas como as Perseidas, aínda que o momento de maior intensidade deste fenómeno dáse algo máis adiante, nas noites do 10 ao 11 e do 11 ao 12 de agosto. Aínda é un pouco cedo, pero durante estas noites xa é moi fácil ver meteoritos se estamos nun lugar adecuado. Tamén é posible ver os planetas Venus, Marte, Xúpiter e Saturno en función da hora que sexa. O maior problema para as observacións do ceo nocturno no verán é que as noites comezan moi tarde e ata as once non se pode ver nada. En inverno, co ceo despexado, o ceo nocturno xa se pode ver ás seis da tarde.

-A pandemia complicou tamén estas actividades de observación guiada?

-Complicou tanto estas iniciativas que a de Cereixa é a primeira observación guiada que fago en dous anos. Colaboro habitualmente con varias asociacións galegas que organizan actividades deste tipo e desde que comezou a pandemia non se puido facer practicamente nada. Estas actividades fanse na escuridade e así é moi difícil controlar á xente para que non se acerque demais aos outros participantes. É complicado aínda que a observación se faga sen telescopios, que por agora non se deben utilizar polo risco de contaxio. En Cereixa a observación organizouse con moito control para respectar a distancia entre as persoas, pero sen usar telescopios nin nada.

«O alumeado dos grandes núcleos esta mal planeado e crea contaminación lumínica»

Dosi Veiga considera que unha grande parte do sur lucense podería conseguir facilmente unha certificación Starlight, un selo de turismo científico que acredita aos territorios especialmente adecuados para observar o ceo nocturno.

-Que hai que facer para obter unha certificación desta clase?

-No caso dos municipios que forman o xeoparque Montañas do Courel, por exemplo, non hai que facer practicamente nada, como en case toda a Galicia rural, porque a visión do ceo nocturno está asegurada. Non é así nos núcleos de poboación máis grandes, como Monforte ou Chantada, que teñen moita contaminación lumínica, pero creo que sería moito máis interesante que algún deses municipios intentase obter unha certificación Starlight.

-Por que motivo?

-Porque iso obrigaría aos concellos a tomar medidas para reducir a contaminación lumínica e para garantir que se poida ver de novo o ceo nocturno. O alumeado público nos grandes núcleos está moi mal planeado nese sentido. Gástase moita enerxía e moito diñeiro en producir un exceso de luz que non achega ningún beneficio. Os plans de alumeado público deberían ter en conta que as fontes de luz non se deben dirixir nunca cara arriba, senón cara abaixo, e que é mellor usar luz ámbar e non luz branca, que rebota e crea un exceso de iluminación que non serve para nada. Tampouco ten sentido ter iluminados os monumentos á unha ou ás dúas da mañá, cando nas rúas non hai turistas.


Comentar