La Voz de Galicia

Javier Rodríguez Couce: «Un cura ten que preocuparse polos problemas dos gandeiros e pola costeira do bonito»

Lugo

XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ RESPONSaBLE DA UNIDADE PASTORAL DA TERRA CHÁ, CON PARROQUIAS PERTENCENTES A cinco CONCELLOS

O responsable da Unidade Pastoral da Terra Cha salienta que os cregos non teñen hoxe a influencia de antano e que deben cumprir un labor de escoitar e de acompañar

27 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Javier Rodríguez Couce chegou á Terra Chá para botar unha man por un tempo. Pasaron os anos, e agora dedícalle á comarca todo o seu tempo e o seu labor. É responsable da unidade pastoral de Castro de Ribeiras de Lea, na que traballan outros dous cregos: tres sacerdotes para 35 parroquias, pertencentes a cinco concellos, reflicten unha realidade distinta a de hai décadas.

-Para moita xente, a parroquia é o lugar máis íntimo, co que ten un vencello máis forte. Nota iso?

-Si. Xa tiven un percorrido nas parroquias que levaba. O bispo sempre dicía que había que ir preparando á xente e dicirlle ‘mirade os curas dos arredores, son maiores, hai que compartir párroco’. A parroquia é de cada un, a identidade está aí, pero vivir a fe ten que ser unha experiencia aberta e universal. Pode custar un pouco ir á misa á parroquia do lado, pero non queda outro remedio. Ás veces, os curas son menos pesimistas ca os veciños; e segue a ir xente á misa, a resposta é boa.

-Entende a xente que haxa cambios, que non todas as parroquias teñan cura?

-A xente ve os cambios e acéptaos porque é a pura realidade. A xente ve que os curas son maiores e están enfermos e que os outros teñen cada vez máis responsabilidades. Non é só a de dicir misa senón o traballo de atención a cada parroquia: hai traballo burocrático, catequese, visitas a enfermos...

-É posible volver a unha situación coma a de antes?

-É imposible. A Igrexa está cambiando moito e ten que cambiar máis. Antes un cura tiña unha ou dúas parroquias, e nas parroquias importantes había tamén un coadxutor. Hoxe estase a traballar nas unidades pastorais, e xa nin sequera podemos cinguirnos a un concello, hai que pensar en comunidades vivas. Aquí hai dous centros de atención pastoral, o de Castro de Ribeiras de Lea e o de Muimenta, que son os núcleos de máis poboación.

-Hai unha fe distinta na costa e no interior?

-A xente é distinta, iso é evidente. Antes, quizais a fe era distinta; hoxe, non. Eu estiven na costa, e a xente respondía ben: había xente na misa. No interior, talvez por razóns de traballo, algo menos: a xente ten os seus horarios, eu enténdoo. Hai granxas de 200 ou 300 vacas nas que se comeza a muxir ás seis da tarde, temos que ser comprensivos con iso. De todos os xeitos, son feliz aquí e creo que a xente nos quere ben aos curas. De feito, antes de ir ao Seminario fixen estudos de técnico agrícola.

-Está un crego de hoxe conectado cos problemas da xente?

-Se te preocupas, a xente enténdeo. Un cura ten que preocuparse polos problemas dos gandeiros e pola costeira do bonito; os problemas da xente teñen que se os problemas dos curas.

-Antes un cura podía ter presenza, influencia, poder... Que é un crego hoxe?

-Houbo una época en que o cura tiña que ser de todo, ir ver se se podía abrir unha pista ou construír un centro social. Hoxe, grazas a Deus, a xente sabe moverse e móvese. O cura debe recuperar o papel de sempre, de ser pai e nai, de ser persoa á que se pode recorrer porque vai escoitar, de estar aí... A función do crego é estar aí, acompañar, escoitar...


Comentar