La Voz de Galicia

Luces, música, polbo e San Froilán

Lugo

lorena g.c. lugo / la voz

Arranca o San Froilán 2021

As patronais comezaron con gran ambiente no feiral e nos concertos

04 Oct 2021. Actualizado a las 21:34 h.

A gran festa do outono galego botou a andar e fíxoo con luces, música, polbo, atraccións e moi bo ambiente no feiral. Como nos vellos tempos, só que con aforos limitados, distancia social, tapabocas e, para algúns, cun man a man entre o aroma do xel hidroalcohólico e o clásico arrecendo de Rodríguez Mourelo en época de San Froilán.

Como non é cuestión de perder o tempo, este luns xa se sucedían as racións de polbo en moitas mesas de restaurantes lucenses. Desta volta non hai casetas, pero si caldeiros na rúa, e os lucenses e visitantes con ganas de degustar teñen o manxar á súa disposición a 14 euros a ración.

Óscar Cela

As luces son outro indicador das patronais. As rúas están engalanadas e a iluminación dos concertos e do feiral encárganse de lembrar que non son días normais. E precisamente é aí, no recinto feiral, onde se percibe o maior cambio. Tras ano e medio de pandemia, resulta sorprendente camiñar entre semellante maraña sensitiva. Os aromas, as luces, o rebumbio limitado e sobre todo ese soniquete estridente e repetitivo no que se mesturan bocinazos, premios da tómbola, entre os que os drons e a Play Station 5 son as estrelas, e locucións a partes iguais. Un fondo un chisco molesto polo que moitos levaban meses agardando. No comezo da semana xa se percibía unha notable afluencia de xente no feiral, pero con distancia e sen aglomeracións. Como marcan os novos tempos.

E como escusa e fondo da cuestión, os concertos. Este luns a axenda incluía propostas para todos os gustos. Comezou o Sanfroidance, continuaron os pasarrúas, e Jenny and The Mexicats, Infrarroja e La la love you completaron un cartel que tiña en Augas Férreas a outra cita de referencia, a París de Noia. Porque a estas alturas, tamén se botaban de menos as orquestras.

Óscar Cela

Un pregón emocionante baixo a bandeira da igualdade

Marisol Bravos tomou a palabra no balcón do Concello e emocionou e reivindicou a partes iguais. Debullou a súa experiencia vital dende que, con tres anos, a polio limitou a súa mobilidade. Explicou o Lugo que coñeceu, aquel no que foi derrubando barreiras unha a unha e con esforzo; o Lugo polo que loitou formando parte de colectivos como Auxilia ou Cogami; e o Lugo que foi un referente. Ese no que, como mestra, axudou a abrir un camiño tras outro.

«Grazas por respectar o dereito a participar en igualdade e por dar máis visibilidade á muller con diversidade funcional. Que hoxe estea aquí unha persoa con mobilidade reducida é o recoñecemento a unha parte da historia que axudou a conformar o Lugo que temos hoxe. Grazas tamén a tantas mostras de apoio que recibín estes días», dixo a pregoeira do San Froilán 2021.

Porque Bravos, en palabras da alcaldesa, é «unha muller valente, forte e combativa, exemplo de superación que axudou a facer de Lugo unha cidade mellor, máis inclusiva, solidaria e integradora». Unha muller da que a edil Maite Ferreiro destacou dende o minuto un a valentía e a coraxe. Unha muller que, aos 66 anos, segue a marcar fitos. Desta volta foi a primeira pregoeira con diversidade funcional.


Comentar