La Voz de Galicia

Esdrúxulo Pestana. In memoriam

Lugo

anxo tarrío varela

30 Oct 2021. Actualizado a las 15:30 h.

Cando en xaneiro de 2000 a Fundación Granell de Santiago de Compostela espuxo a obra (ata daquela, última) de Paco Pestana escribín unhas palabras sobre o amigo a quen coñecera había xa algún tempo en Arco, Madrid, e con quen me relacionei máis persoalmente cando lle pedín colaboración para ilustrar o número 10 (1993) do Boletín galego de Literatura que eu dirixía. Dicía eu alí, mutatis mutandis, palabras semellantes ás que agora lle dedico recordando ao amigo que nos deixou hai pouco tempo.

Pestana tivo como background (escusen o palabro) a súa condición de escultor, pero esta definición ou carta de presentación do artista lucense acaíalle algo estreita, se observamos as múltiples facetas que el foi quen de desenvolver e que o configuraron como un home integrador de artes varias, entre as que o debuxo e a poesía non ocuparon un lugar menor.

Porque Pestana foi un producto finisecular, no que se refire á clara tendencia que as fins de século amosan de vocación (re)integradora e cooperante das diferentes artes e tamén no que toda fin de século contén sempre de afán inventarial do que deron de si cen anos de actividade humana, quero dicir cultural, e perdóeseme a redundancia.

Nalgunha medida, segundo eu interpreto, a obra de Pestana, á parte da anécdota narrativa e das protestas que encerra contra os numerosos cepos e cadeas que agrilloan a vida humana, dende o terror infantil ao amor e o sexo, é toda unha lección sobre boa parte do que deu de si a arte do século XX, que tanto nos cambiou a mirada, liberando o subconsciente e desartistizando a propia arte.

O artista de Castroverde proxectouse decididamente cara ao futuro século XXI con ánimo rompedor, humorístico, mesmo retranqueiro, optimista, asumindo xa enteiramente a posible convivencia entre a creatividade e o exercicio da fantasía máis xenuínos, a habelencia artesanal, que este artista sen dúbida posuíu en moi alto grao, e a seriación industrial; entre o obxecto prefabricado, a colaxe, a performance e a instalación como produtos xa integrados totalmente no espectáculo multiartístico e, por acaso, multimedia.

A moitos espectadores afeitos a (ad)mirar os bodegóns das moblerías, as paisaxes bonitiñas, as mariñas ensoñadoras, os barquiños de vela perdéndose no horizonte e as esculturas de leiteiras e mariñeiros ‘realísimas’, seguramente Pestana lles resultou un pouco moqueante e mosqueante pero, se non me trabuco, hai moito de reflexión, de recompilación secular e de canto vital na obra deste artista, a quen, como a Picasso, semella que ningún obxecto lle foi alleo e ningunha tendencia estética lle resultou indiferente.

Porque Pestana foi un checheno casi chairego de moito nabo ou, mellor dito, de moita naba, que é o propio do noso napobrássico galego, cárnico e acuífero, así como moi napifórmicas e falópicas son algunhas das súas mellores esculturas lucénsulas, plántulas hortícolas.

Pestana, ademáis de escultor e tamén ciscador escéptico de palabras rotas e sensentido, foi un lexionario africánido que boxeou contra o espectador a golpe de versos de gubia, ata lle romper a crisma dos esquemas, rendelo e afundilo no seu propio subconsciente falóndrico, dadálico, dalílico, cachéirico, lírico, férrido, xilógrafo, batracial e fantástico. Foi un esdrúxulo moi agudo aquel Pestana. A proba está en que, podendo cantar, voceou magníficos módulos sintagmáticos, coláxicos péndulos circúlicos, rábulos blándulos, espirálidos versículos abracadabránticos, cromáticas pérnulas femíneas, glúteas e vicevérsicas, míticos pórculos totémicos de magníficas cacheiras alopécicas e luguéspilos sacraménticos.

Moi galega, a arte de Pestana, por outra banda e, xa que logo, moi selénica, telúrica e etnográfica, xurásica, caucásica, lírica e narrática, dramática e teatral, espectacular e, fundamentalmente, exótica e vivísima. Si, moi galega e moi exótica, tanto que o noso artista, posuidor dun galego falado modélico e castrovérdico, ata escribiu primores en exótico castelán, por aquilo de ir a contrafío.

¡Aquel esdrúxulo Pestana...!


Comentar