La Voz de Galicia

Degustacións, artesanía e música para honrar á torta de millo de Guitiriz

Lugo

Laura López Lugo / La Voz
Haberá degustacións na festa da torta de millo

Este sábado repartiranse mil racións de doce, haberá obradoiros de queixo e Ses ofrecerá un concerto para pechar a xornada

28 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Todo listo en Guitiriz para celebrar a Festa da Torta de Millo, que volve este sábado despois de dous anos de parón pola pandemia. Degustacións, artesanía, obradoiros e música centrarán a xornada, na que se repartirán mil racións de doce e cuxo colofón correrá a cargo do concerto de Ses. O Concello encárgase da organización, coa colaboración da Deputación de Lugo.

A feira comezará oficialmente ás 11.00, coa apertura da Mostra de Artesanía e a exposición sobre a produción e elaboración do millo. A música chegará ás 11.30, ás 12.15 e ás 13.30, coa actuación do grupo de gaitas municipal de Guitiriz, o grupo de música da UNED Sénior e a actuación do grupo Xacarandaina. A degustación e venda da torta de millo terá lugar de 11.30 a 14.30 horas.

Festa da Torta de Millo de GuitirizFOTO SUSO

Os obradoiros terán tamén un protagonismo especial na feira, e será preciso anotarse previamente nos de queixo, no teléfono 625 718 801. Ás 12.00 comezará o taller de queixo para público infantil e o obradoiro «Tece cos teus dediños», para público en xeral. Pola tarde, ás 16.30, volverán a celebrarse eses mesmos talleres, e ás 18.45 horas haberá un novo obradoiro de queixo.

As degustacións e venda do doce protagonista da festa volverán entre as 17.00 e as 19.00 horas, mentres que ás 18.00 ofrecerá un concerto a Banda de Música Municipal de Guitiriz. A maiores, durante toda a xornada, celebrarase un torneo de fútbol de categorías inferiores no campo municipal Suso Cruz. A festa rematará co concerto de Ses, previsto para as 22.30 horas.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que Guitiriz «é coñecido fóra das nosas fronteiras pola nosas augas, pero tamén pola torta de millo, polo que quixemos poñer en valor este produto a través da música e da artesanía, así como tamén ao sector primario, predominante no noso concello, cos obradoiros de queixo». Pola súa banda, o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, coincidiu en salientar a fama da torta de millo, lembrando que, «de pequeno, a min xa ma regalaban, é algo que nos acompaña desde hai moitos anos», e destacou que esta é unha festa «que serve para atraer turismo, para que se reúnan as familias e os amigos, que dinamiza o rural e aposta pola economía da comarca da Terra Chá».


Comentar