La Voz de Galicia

«Hai quen fala en galego na casa e cambia ao castelán cando declara ante un xuíz. Iso non ten por que ser así»

Lugo

André S. Zapata Lugo / La Voz
Sabela Lage é unha avogada lucense que forma parte da Irmandade Xurídica Galega.

Sabela Lage, avogada lucense membro do colectivo Irmandade Xurídica Galega, explica como están a promover o uso da lingua de Galicia no ámbito xurídico

20 Aug 2022. Actualizado a las 19:18 h.

«Hai quen fala en galego na casa e cambia ao castelán cando declara ante un xuíz. Iso non ten por que ser así». Con esta contundencia resume a avogada lucense Sabela Lage a situación que se observa na actualidade no ámbito xurídico galego e lucense. Ela e moitos outros xuristas de todo tipo adheríronse desde hai anos ao colectivo Irmandade Xurídica Galega. Este grupo dedícase a promover o uso do galego na Xustiza, xa que consideran que a utilización desta lingua en documentos legais está «moi por debaixo do castelán».

Lage explica, desde a súa propia experiencia, a realidade lingüística predominante na Xustiza galega. «O 98 % dos documentos legais que se redactan en Lugo están en castelán. Os poucos que o facemos en galego somos case sempre os mesmos avogados, xuíces e fiscais. Non se observa unha melloría desde hai uns 14 anos, que foi cando eu comecei a traballar no sector. O que promovemos é o uso do galego nos escritos formais da Xudicatura, como os autos, as sentenzas ou os recursos», resume a letrada.

«A Xustiza galega funciona en castelán»

Oito compañeiros do seu despacho forman parte deste colectivo. «Nós queremos dar exemplo para que se animen a implementalo nas súas vidas outros membros dos xulgados. Moitos empregan o galego de forma oral a diario, pero despois cambian ao castelán á hora de escribir», lamenta Lage. Isto explícase pola propia esencia das institucións. «A Xustiza galega funciona en castelán. Tódalas guías, modelos de documentos e plantillas están en castelán, así que traducir todo iso ao galego, desde nomes de leis ata números de procedemento é un traballo dobre, así que moitos renuncian a usar o galego soamente por non ter que facer ese esforzo. Deberían ser as propias institucións xurídicas as que facilitasen usar o galego», reclama a avogada.

Ela insiste en adaptar o contexto xudicial ao galego tanto como xa se fai co castelán. Por exemplo, conta que «sería vital que os programas informáticos que usan os xulgados no día a día estiveran tamén en galego, pero na actualidade funcionan case todos integramente en castelán».

Lage continúa coa súa explicación afirmando que nunca ninguén lles puxo trabas a ela ou aos seus compañeiros á hora de exercer completamente en galego, pero lamenta que as institucións tampouco fomentan o seu uso. A letrada insiste en utilizalo sempre que pode, pero recoñece que non é a primeira vez que ten que cambiar ao castelán. Iso si, só en casos extraordinarios. «Ás veces, coincide que vén un avogado de fóra de Galicia e que non coñece o idioma. Neses casos, ou el mesmo ou a xuíza coméntanos se podemos usar o castelán, para evitar ter que solicitar un tradutor que lle axude a comprender o que dicimos en galego», comenta. Nesas ocasións, non obstante, Lage afirma que «non nos importa cambiar para facilitarlles o traballo aos compañeiros, por suposto».

 

 Un monólito homenaxea aos xuristas que exercen en galego, un idioma «ignorado durante séculos»

José Tomé e Lara Méndez, inaugurándo o monólito que homenaxea aos promotores da lingua galega na Xustiza.CEDIDA

«Moitas veces, os grandes avances da Historia chegan da man de xestos que parecen sinxelos, pero que esixen serenidade, confianza, seguridade nun mesmo, e unha dose de valentía para optar por un camiño diferente do que ata ese momento era habitual». Desta maneira explicou o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o motivo polo que a institución que el comanda, en colaboración co Concello de Lugo, levaron a cabo o pasado mes de xullo a inauguración dun monólito que homenaxea a historia dos xuristas que impulsaron o uso do galego na Xustiza nas últimas décadas.

O monumento, situado desde entón na Praza de Avilés, fronte ao edificio dos xulgados, rende honra aos maxistrados, fiscais e letrados que promoveron esta decisión xudicial, e á Asesoría Xurídica provincial, centrais sindicais e funcionariado que, «cada día co seu labor, normalizan o uso do galego no ámbito xurídico», segundo Tomé.

A primeira sentenza en galego, ditada polo TSXG o 27 de marzo de 1985, «supuxo un paso transcendental no avance do proceso de normalización da nosa lingua, para a incorporación do seu uso a un espazo fundamental para a sociedade como é o ámbito xurídico, e acabar, desta forma, cunha ausencia histórica de catro séculos nos que o galego estivo ignorado como linguaxe legal», subliñou o presidente o día da estrea do monumento.

O acto, organizado pola Deputación, o Concello de Lugo e a Irmandade Xurídica Galega, contaron coa presenza da alcaldesa, o reitor da USC, o presidente da Audiencia Provincial, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, ademais de deputados, alcaldes, maxistrados, xuíces, fiscais e avogados.

Lara Méndez, rexedora de Lugo, reivindicou o uso do galego no ámbito xurídico «especialmente se temos en conta o carácter maioritariamente rural da nosa comunidade, posto que case o 70% dos veciños e veciñas de municipios de menos de 20.000 habitantes —na provincia de Lugo, todos menos a capital—, empregan máis o galego que o castelán». Finalmente, congratulouse de que «Lugo sexa a provincia onde máis xulgados adoitan utilizar a lingua galega».


Comentar