Que se pode facer en Lugo este mércores?
Lugo
O Correlingua e un obradoiro de Samaín definen a xornada
26 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O Correlingua, una actividade para escolares na que a defensa do idioma galego está presente, e un obradoiro infantil de Samaín forman a oferta de lecer de hoxe. O Correlingua celébrase no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 12 horas, coa participación de máis de 400 alumnos de varios centros.
O CEE Santa María, o IES Ánxel Fole, o IES Sanxillao e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes forman a representación de Lugo cidade. O CPI de Cervantes, o CPI Uxío Novoneyra (de Folgoso do Courel), o CPI Virxe do Monte (de Feira do Monte, Cospeito), o CPI Luis Díaz Moreno (de Baralla) e a Escola de Educación Infantil Xela Arias (de Sarria) completan a representación.
Na organización do Correlingua, que ten colaboración da Vicepresidencia da Deputación, interveñen a Asociación Correlingua, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A actividade celébrase todos os anos cun programa que xira arredor da lingua galega.
En Vilalba ten lugar un obradoiro de Samaín. Comeza coa actuación dunha contacontos, a bruxa Catuxa, co seu espectáculo «Indo para o Samaín», e continúa despois co obradoiro denominado «Fantasvasos de Samaín». A actividade está organizada polo Concello de Vilalba. É de balde para os nenos que acudan, pero foi necesario inscribirse antes. O obradoiro está pensado para nenos cunha idade de catro a oito anos.