La Voz de Galicia

Jesús González, afectado pola folga de médicos: «Fixen dúas horas para vir ao urólogo ao HULA e volvo como viñen»

Lugo

CANDELA F. ROLDÁN Lugo/ La Voz
Jesús González xunto ao seu número de consulta e a súa reclamación no HULA.

O veciño de Cervantes levaba seis meses esperando unha cita que aínda non sabe cando poderá recuperar

20 Apr 2023. Actualizado a las 21:33 h.

Jesús González, veciño de Noudelo, no concello de Cervantes, levantouse o mércores ás 06.00 horas da mañá para acudir a unha cita no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULAprogramada hai xa seis meses para o 19 de abril ás 11.43 horas, pero tivo que volver para a casa como veu, sen consulta. «Estiven vinte minutos esperando na consulta de uroloxía ata que outros pacientes me dixeron que hoxe só atendían aos da letra U, e eu tiña o Y», explica o veciño ancarés en relación ao número da consulta.

Nada máis enterarse, Jesús González acudiu á mesa de información do hospital para poñer unha reclamación, pero o certo é que non lle deron máis explicacións. «Eu entendo que os médicos están saturados con tanto traballo, pero non vexo normal que non avisen á xente coma nós, da montaña, que facemos un gran esforzo por vir aquí», di o cervantego, e é que el asegura que esta viaxe supón catro horas en coche e de máis de trinta euros en gasolina.O camiño non é unha broma, e moitos non nos podemos permitir facer estes paseos», asegura.

Confirmación da cita a través dun SMS

Ademais da copia da consulta, Jesús recibiu unha mensaxe de confirmnación da cita médica a través do seu teléfono móbil o domingo pasado, polo que non pensou que houbese ningún problema. «O peor de todo é que agora non sei para cando me dan a seguinte cita, porque non me chamaron nin me deron ningunha explicación», afirma o veciño dos Ancares, que di que terá que acudir ao seu médico de cabeceira para saber cal é a seguinte data. 

«Neste caso era unha consulta rutinaria, pero igual teño que esperar outros seis meses, e así pasa xa un ano», sostén Jesús, que non é a primeira reclamación médica que interpón, porque leva anos pasando por distintas consultas médicas e asegura que xa lle ten pasado o de volver á casa sen ser atendido máis veces. «Esta non é a peor, porque hai tempo pasárame cunha cita máis urxente en traumatoloxía e tiven que volver esperar moitos meses máis», explica.

O paciente asegura que as demandas dos sanitarios estes días son «perfectamente entendibles», pero que deberían avisar polo menos das citas que non poderán atender para non facer perder o tempo á xente. «Penso que a miña reclamación no hospital non vai servir de moito, pero é necesario que todos alcemos a voz», di Jesús, que volta á casa como veu: sen respostas nin consulta médica. 

A CIG xa denunciou que a situación nas Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo durante estes días nos que facultativos levan a cabo unha folga convocada pola Confederación Estatal de Sindicatos Médicos xa deixou decenas de pacientes sen consultas, polo que demandan solucións urxentes para que afluencia de citas e ingresos poida recuperar a normalidade.


Comentar