La Voz de Galicia

David Ouro, de ir mercar tebeos á librería de Becerreá a levar as súas ilustracións por medio mundo

Lugo

CANDELA F. ROLDÁN Lugo/ La Voz
David Ouro, ilustrador de Becerreá.

O artista de 64 anos quixo honrar este ano á súa terra facendo o cartel das festas do San Xoán

25 May 2023. Actualizado a las 10:55 h.

Ir á librería mercar tebeos era a actividade favorita de David Ouro, natural de Becerreá, que recorda a súa infancia entre libros, cómics e cadernos de papel. «Tiven a sorte de criarme a carón da artista María Roca, e era un cativo que, máis que estudar, pintaba a todas horas», asegura o ilustrador de 64 anos, que decidiu ir a Madrid no 84 a probar sorte e facerse un oco no mundo da ilustración. 

O ancarés tiña claro que o seu era debuxar, por iso comezou traballando para algúns xornais galegos con 17 anos, e, dende entón, a súa carreira foi «un non parar». Madrid, a cidade que o acolleu e que lle brindou a oportunidade de desenvolver a súa vocación, serviulle posteriormente como un trampolín para dar a coñecer a súa arte en axencias e editoriais do resto de Europa, e mesmo de Estados Unidos, como McGraw Hill, Rourke Publishing Group, Advocate Art, WHSmith, Pearson ou Reader's Digest, entre outras. «Levei os meus debuxos polo mundo adiante e non saíu mal de todo», di. 

«Daquela, os que nos dedicabamos a isto eramos uns rariños», explica o becerrense, que di que entón non era posible para el quedar en Galicia se quería buscarse a vida do seu. «Eran tempos de carpeta e papel, non había ordenadores nin correo, tiñas que ir petando ás portas unha por unha», di o artista, que di que non imaxina unha vida apartada das artes plásticas. 

O autor do cartel das festas do San Xoán de Becerreá

Agora, case corenta anos despois de emigrar á capital, David quixo honrar á súa terra facendo o cartel das festas do San Xoán de Becerreá, que se celebran os próximos 23, 24 e 25 de xuño no municipio. A proposta do ilustrador foi unha pandereteira que toca diante da Igrexa, situada no centro da vila. «Temos unha arquitectura moi diversa aquí, así que optei por debuxar un dos edificios nos que conflúe boa parte da actividade diaria», declara. 

O cartel das festas do San Xoán deste ano. CEDIDA

Aínda que David comezou co papel, o certo é que, co tempo, tamén se foi adaptando ás novas tecnoloxías, e agora mesmo está a realizar un traballo audiovisual para a Universidade de Salamanca. «Eu adáptome aos novos tempos, pero recoñezco que son moi de papel», sostén o ilustrador, que continúa traballando a diario e que ve a xubilación como algo afastado que non vai con el. «Teño moito que facer, o meu día a día é crear historias co meu lapis e non paro un momento», afirma o artista. 

David, colaborador habitual da editorial Akal, tamén traballou en axencias de publicidade, fancines e escenografía teatral, e ilustrou decenas de libros de narrativa, texto e educativos para boa parte das editoriais máis coñecidas do país, como Anaya, Santillana, Edebé, Bruño, Galaxia, SM ou Edelvives, entre outras. «Gústame manter a esencia, sa sexa con debuxos para nenos de cinco anos ou para novelas de adultos», explica. 

A marca, iso que non se consegue nas escolas, di o becerrense que é o mellor dos trucos para triunfar no eido da arte, e, sempre, manter presente os inicios. «Eu compraba cómics polo que serían agora 50 céntimos, todo o que tiña destinábao ao que me gustaba», di David, que sempre foi un autodidacta interesado en seguir aprendendo. «E agora, tamén. Aínda queda David para rato», di o ancarés.

Agora só espera poder gozar de boa saúde para seguir dedicándose ao que mellor se lle dá, o debuxo creativo. «Dá igual se é profesionalmente ou non, eu sempre atopo traballo», asegura.

 

 


Comentar