Xénero e poder
Lugo
16 Jan 2024. Actualizado a las 18:15 h.
Cando eu era nena, a única imaxe de muller gobernando un país era a e Margaret Thatcher e, quizais por iso, partindo dese modelo, sempre me pareceu que aquí as primeiras mulleres que acadasen postos de mando habían de facelo desde os partidos conservadores, esgazando o teito de cristal desde dentro, desde a propia ideoloxía máis representativa do patriarcado. Logo viñeron as listaxes paritarias e as cousas comezaron a mudar; mais cómpre lembrar que, en xeral, as mulleres ocuparon os postos pares das candidaturas, os que as situaban a partir do segundo, deixando intocado como buque insignia o liderado indiscutible do varón. Pero en Galicia, nesta ocasión, as candidaturas á presidencia da Xunta comezan a trastocar non só o segundo principio, senón tamén o primeiro.
O xénero e o poder interseccionan de moitos xeitos, algúns moito menos evidentes e máis cotiáns có das listaxes. Se o pensamos ben, é rrepiante a omnipresencia destas manifestacións que para moitas persoas pasan desapercibidas ou, peor aínda, que conforman a normalidade e o que cómpre agardar. O machismo está presente cando falamos e cando calamos, no xeito de ocuparmos o espazo —especialmente o espazo público— e nas decisións vitais e no curso das nosas vidas. O machismo aparece na casa e na rúa. No traballo e tamén no lecer. A pesar de termos avanzado tanto, segue sendo posible que o presentador dun programa trate con superioridade e condescendencia as entrevistadas, que empregue para o humor recursos sexistas ou que se burle do seu acento. Seguimos a vivir nun mundo no que, se unha muller se arrepón e lle contesta directamente poñéndoo no seu sitio, xa temos unha noticia. Porque nós, xa se sabe, temos que ser máis hábiles e sumisas e empregar o sentido do humor para salvar a situación. Eu estou con Sofía Vergara. Ten moito mérito. Fíxome sentir optimismo pensando en termos de xénero e poder.