La Voz de Galicia

¿Como funcionan a chirimía e o sacabuche? Unhas xornadas desvelan en Lugo os segredos de antigos instrumentos renacentistas

Lugo

Laura López Lugo / La Voz
Presentación da xornada sobre chirimía e sacabuchePresentación da xornada sobre chirimía e sacabuche

O Centrad acolle charlas e obradoiros entre os días 1 e 3 de marzo

27 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana a I Xornada de chirimía e sacabuche. Trátase dun obradoiro teórico práctico no que os participantes coñecerán o funcionamento de instrumentos renacentistas de vento entre os que están a chirimía e o sacabuche, considerado o antepasado do trombón.

O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam ata o século XV, instrumentos de vento nas catedrais galegas e unha última sobre o panorama actual do conxunto de Ministrís. Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou a interpretación de obras en conxunto.

A formación estará impartida polo grupo Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval, comezarán o venres pola tarde e o domingo rematarán ao mediodía. O sábado a xornada ocupará todo o día. Trátase do conxunto instrumental máis lonxevo do panorama da música antiga na provincia de Almería, sendo a matriz doutros grupos de música antiga emerxentes.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía, Efrén Castro, explicou que se trata dun proxecto que «busca recuperar sons que estaban esquecidos e facémolo ademais nun espazo como o Centrad, no que a música tradicional e os instrumentos máis únicos teñen o seu espazo». As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico chirimiasgalegas@gmail.com ou no teléfono 629 421 544.

Programa completo

Venres 1 de marzo

16:30.- Presentación e recollida de documentación

16:45.- Clases grupais

18:00.- Palestra «Instrumentos de palleta dupla na península ibérica:

dende o Islam ata o s.XV»

19:00.- Clases grupais

21:30.- Peche da xornada

Sábado 2 de marzo

10:00.- Palestra «Instrumentos de vento nas Catedrais Galegas»

11:00.- Clases grupais

14:00.- Xantar

16:30.- Clases grupais

18:00.- Palestra «Panorama actual do conxunto de Ministrís»

19:00.- Clases grupais

21:30.- Peche da xornada

Domingo 3 de marzo

10:00.- Clases grupais

14:00 .- Conclusións e clausura.


Comentar