La Voz de Galicia

Programación especial en Lugo de animación á lectura durante esta primavera

Lugo

la voz lugo
Paula Carballeira pechará o ciclo de animación á lectura de Lugo, o 13 de xuño

O Concello organiza diversas actividades con motivo do Día do Libro, nas que se inclúe este martes 23 de abril o reparto de exemplares en todas as salas museísticas

22 Apr 2024. Actualizado a las 13:55 h.

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron dende a Biblioteca Municipal Isidro Novo as actividades organizadas dende o Concello de Lugo con motivo da celebración do Día do Libro neste ano 2024, e que se desenvolverán ata o 13 de xuño.

Durante a xornada do 23 de abril, a Concellería de Cultura repartirá libros en todas as salas museísticas da cidade de Lugo, co fin de promover o hábito da lectura «algo que é esencial para o desenvolvemento intelectual e social das persoas e que fomenta o pensamento crítico e enriquece o vocabulario», explica Maite Ferreiro. 

Ademais, ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a presentación da obra da persoa gañadora do 25 Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. Maite Ferreiro destacou este certame como «unha cita consolidada xa no calendario cultural galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade». 

A Biblioteca Municipal celebrará o Día do Libro iniciando as actividades de Animación á Lectura e Contacontos co Escape Room Plan de Rescate de Antía Yáñez. Está baseado nun libro da propia autora e consiste en escapar da biblioteca, polo que a rapazada terá que seguir as pistas e rescatar aos compañeiros e compañeiras que fiquen atrás en tan só unha hora.

A actividade comeza ás 18.00 horas e terá unha duración de 70 minutos. Está aberta para nenas e nenos a partir de 7 anos, con inscrición na propia Biblioteca ou no teléfono 982 297 414.

Arroxo e Ferreiro na Biblioteca Municipal de Lugocedida

As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.

O novo ciclo de animación

O novo ciclo terá lugar entre o 23 de abril e o 13 de xuño, e achegará a Lugo a nomes recoñecidos como Antía Yáñez, Paula Carballeira, Pakolas ou Caxoto, que cumpre 20 anos percorrendo bibliotecas e escenarios de toda Galiza. As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto. 

Programación abril - xuño 2024


Comentar