La Voz de Galicia

«Inevitable»: arte de Lugo que loita pola liberdade sexual e de xénero

Lugo

Laura López Lugo / La Voz
Inauguración da exposición «Inevitable»

Participantes no Taller Daulloa crearon quince instalacións sobre a vulneración de dereitos do colectivo LGTBI

08 Jul 2024. Actualizado a las 12:55 h.

Unha mirada analítica, crítica e reivindicativa sobre a vulneración de dereitos do colectivo LGTBI en distintos contextos. Así se presenta Inevitable, unha nova mostra que acolle o Museo Provincial de Lugo e coa que as autoras e autores buscan loitar pola liberdade sexual e de xénero: «Non buscamos cambiar o mundo, senón tentar que cada un de nós, ao coñecer as diferentes obras, poidamos identificar os problemas que aínda quedan por resolver e descubrir se fomos partícipes ou cómplices dos mesmos», explican.

A exposición consta de 15 instalacións realizadas polas persoas participantes no Taller Daulloa, taller prelaboral da comarca da Ulloa para persoas con discapacidade, e poderase visitar ata o 28 de agosto. Segundo explica a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, o proxecto xurde a raíz da curiosidade e da iniciativa Agrocuir: «O soporte sempre é a bandeira LGTBI, e sobre ela traballan distintos problemas, como o do suicidio». Para iso, tendo como base as cores da bandeira dispostas en paneis de madeira vertical, sérvense doutras cores, como o branco e o negro, ou doutros elementos, como a corda, os cravos, cadeas, teas... para así ir visibilizando as feridas físicas e psicolóxicas que sofre o colectivo LGTBI, a necesidade que sinten de esconderse...

 

Desde o rural

O monitor do Taller Daulloa, Javier Rey Feijóo, destaca que este proxecto «é unha mostra do que somos capaces de facer dende un pequeno taller na Ulloa. Estamos moi orgullosos do resultado e da aceptación e acollida mostrada polos asistentes á presentación».

As creadoras e creadores que deron vida a Inevitable son María Jesús Castro Gómez, José Antonio Ferreiro Saá, Mirta Flores Cuesta, José Luis García Rojo, Heitor Gómez Díaz, Nagari López López, Ana Mariño García, José Vicente Otero Fernández, Teresa Rodríguez García, Ana Salgado Moreiras, José Antonio Vázquez Ciriza, Sofía Vázquez Vázquez, Fátima Viña Ayude e Javier Rey Feijóo.

 

Na presentación da mostra, a deputada de Cultura, Iria Castro, valorou «o traballo desenvolvido polo Taller Daulloa, que con esta iniciativa revaloriza a creatividade e o esforzo das persoas que participan nas súas actividades» e destacou «a importancia de que a diversidade sexual e de xénero se exprese e se recoñeza en todos os espazos, tamén nos culturais e artísticos (...). Hoxe e todos os días programamos con orgullo», concluíu a deputada, destacando a «vocación inclusiva e diversa das exposicións e actividades dos museos provinciais durante o ano».


Comentar