O auxe da cultura tradicional
Lugo
01 Oct 2024. Actualizado a las 20:47 h.
A historia é un bambán. Un carrusel. Moitos procesos avanzan e retroceden nun movemento alterno que nos acaba deixando no punto de partida.
Os momentos clasicistas sucédense a outros de ruptura, vangarda e provocación e, no contexto deste ir e vir, a presenza e valoración da cultura tradicional tamén segue o mesmo ciclo.
Na miña infancia, asistín a clases de baile tradicional e, como adoita ocorrer coas actividades extraescolares, isto deixou unha fonda pegada na miña personalidade.
A profesora, Mabel, era quen de crear música con dúas cunchas de vieira e poñíanos a todas a bailar ao ritmo que nos marcaba. Mais coido que daquela viviamos un intre de esmorecemento.
A cultura tradicional mantíñase, pero semellaba permanecer agochada nas marxes da sociedade, abafada pola enxurrada histórica do progreso e polo auxe globalizador da música dos 80.
Agora, o baile tradicional amosa signos dunha revitalización sen precedentes e isto nótase, por exemplo, na incorporación a este universo das novas xeracións. As agrupacións socioculturais agroman por todos os sitios e os seus froitos maduran nos máis diversos contextos.
Hai grupos de percusión, de revitalización da gaita e unha expansión da música galega (que sempre estivo aí) que chega a un volume de práctica afeccionada enorme. O fenómeno Tanxugueiras contribuíu, sen dúbida, á popularización, mais tamén se produciu grazas a ela.
Esta fin de semana viviremos un ano máis as festas patronais. As rúas encheranse de homes e mulleres que viven e escenifican un pouso cultural que cada día semellamos abrazar con maior conciencia. Trátase dunha revitalización semellante á que están a experimentar os oficios artesanais que esmoreceron durante moito tempo: zoqueiros, ferreiros, cesteiros…
O San Froilán é un bo intre para reivindicarmos a vixencia de tantas cousas que nos definiron e definen.
Unha época para afondarmos no sentir colectivo e antropolóxico das nosas prácticas culturais. E para compartilas nas rúas.