La Voz de Galicia

Miriam Díaz, nova escritora lucense: «Nos libros gústame afondar naqueles aspectos que me interesan»

Lugo

P. ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ
Miriam, de 25 anos, co seu libro na casa nido que está a piques de abrir en Rábade

Natural de Rábade, Miriam acaba de presentar o seu primeiro libro. Ademais, abrirá unha casa nido próximamente na súa localidade

04 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A lucense Miriam Díaz (Rábade, 1999) vén de presentar o seu primeiro libro, Manos Creativas, publicado pola editorial Sar Alejandría. Trátase dunha guía práctica e visual para traballar o desenvolvemento da motricidade fina a través de material non estructurado en Educación Infantil, ámbito no que está graduada pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, está tamén a piques de abrir a casa nido de Rábade, un proxecto que afronta con ganas e ilusión porque lle permite facer o que máis lle gusta na súa propia zona.

—Como resumiría o seu primeiro libro?

—É unha guía práctica e visual para traballar a motricidade fina e aportar ideas para facer actividades con material non estructurado na etapa de Educación Infantil.

—Fai especial fincapé no aspecto do material non estruturado.

—Si, porque me parece do máis relevante. O material non estructurado é todo aquel obxecto que non ten un uso específico pero que pode servir para fomentar a creatividade e a imaxinación dos máis pequenos. Por exemplo unha culler ou un simple pau, que non ten un fin educativo concreto, pero que podemos empregar como recursos cunha función educativa e, neste caso, para desenvolver a motricidade fina, que son todas esas partes máis pequenas do noso corpo, como as mans ou os dedos.

—A que público se dirixe?

—Tanto a docentes como a familias. Nun principio está orientado á infancia, pero tamén poderían consultalo profesionais que traballen con persoas maiores, para as que a motricidade fina tamén é un aspecto importante. De feito, xa hai moita xente que o está pedindo para traballar con persoas da terceira idade.

—Como se estrutura o libro?

—O libro, que funciona como unha guía, está estruturado en dúas partes. Unha primeira máis teórica, pero cunha linguaxe accesible para todo o mundo, e outra segunda parte con actividades prácticas.

—Cal era o seu obxectivo cando se lanzou a escribilo?

—Quería facelo porque me gusta escribir. Pero teño que dicir que a realidade é que o fixen porque me gusta este tema e quería profundizar nel., ese era o obxectivo principal. Sempre escribo sobre aspectos nos que a min me interesa aprender e formarme, e isto é o claro exemplo. Ademais, quería aportar un ferramentas a todas aquelas familias ou docentes que queren traballar con material non estructurado.

—Haberá segunda parte?

—Si, gustaríame seguir escribindo sobre todas aquelas temáticas que me interesan.

—Estás tamén a piques de abrir a casa nido de Rábade. Como o afronta?

—Moi ilusionada. Sempre quixen ter algo meu, na miña terra, e esta é unha boa oportunidade para aportar o meu gran de area á educación e desenvolverme profesionalmente como a min me gusta. As casas nido son un recurso moi necesario no ámbito rural, tanto para as familias como para os nenos e tamén para nós como docentes porque partimos dunha ensinanza moi individualizada


Comentar