La Voz de Galicia

O inicio da Guerra Civil de 1936 en Lugo visto por Ben Cho Shey

Lugo

Suso Varela Lugo / La Voz
Ben Cho Shey asinando o Catón Galego en 1970

A Vicepresidencia da Deputación presenta este venres 9 o diario inédito no que Xosé Ramón Fernández-Oxea dá conta dos que se vivía na cidade e na provincia entre o 18 de xullo e o  21 de agosto, cando comezou o Golpe de Estado

08 Nov 2024. Actualizado a las 18:31 h.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo convida a asistir este venres 8, ás 20.00 horas, á presentación de «Diario de Lugo. 1936», un libro que recolle os textos escritos por Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben Cho Shey, nos días seguintes ao golpe de Estado do 1936. Estos días, no palco da Praza Maior de Lugo xa se puideron ver sete pansei con fotografías e textos que forman parte da publicación, nunha instalación deseñada por Diego Núñez, responsable do deseño e maquetación da publicación.

O libro sae grazas ao traballo investigador de Xoán Ramiro Cuba, Brais García e Iria Varela, que localizou o caderno inédito do autor e realizou o traballo editorial. Lembra fitos da campaña a favor da aprobación do Estatuto de Autonomía, na que Ben Cho Shey participou activamente como presidente do Partido Galeguista en Lugo, como o multitudinario mitin celebrado no propio templete o 11 de xuño do 1936, e dá conta da represión franquista en distintos puntos da provincia, desde Viveiro ata O Incio.

Ambos investigadores, e a deputada de Cultura da Deputación, Iria Castro, serán os encargados de presentar esta tarde de venres os textos de Ben Cho Shey. O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe a transcrición do diario de Ben Cho Shey, con crónicas entre o 18 de xullo e o 21 de agosto, máis dous apuntamentos a xeito de epílogo e síntese, e máis a reprodución facsimilar do caderno, depositado na Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense xunto ao outros documentos do seu arquivo persoal e da súa biblioteca.

O orixinal atopado

O orixinal identificouse durante os traballos de investigación desenvolvidos para a organización da exposición «Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural» do Museo Provincial de Lugo polo equipo responsable da mostra, coordinado por Xoán Ramiro Cuba e participado por Iria Varela Fernández, Mercedes Salvador Castañer e Xosé Brais García Fernández, actual responsable do Servizo de Publicacións e coordinador editorial do libro.

A exposición no Museo Provincial de Lugo reivindica a figura cultural de «Ben-Cho-Shey».

As súas achegas incorpóranse no limiar do libro e nun detallado e amplo compedio de notas que contextualiza o relato de Ben Cho Shey, un dos poucos que dá testemuña directa da represión franquista na cidade de Lugo nos días seguintes ao 18 de xullo e dos seus antecedentes.

 


Comentar