Luis Bedu, guitarrista de Lugo: «Vivir da música é complicado: toco en tres grupos, dou clases de guitarra e fago de técnico»
Lugo
O sábado actuará con Mustélidos e Condensadores de Fluzo nun festival solidario a favor da Protectora de Animais
21 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Vivir da música non é unha tarefa doada. Os profesionais vense na obriga moitas veces de pluriempregarse para acadar un salario digno. Un exemplo desta situación é o guitarrista lucense Luis Bedu: «Vivir da música é complicado: toco en tres grupos, dou clases de guitarra e mesmo fago de técnico en ocasións», confesa. Este venres, día 22, tócalle concerto coa banda Condensadores de Fluzo, que actuará xunto a El Flop, ás 22.30 horas no Club Clavicémbalo, cunha entrada a 6 euros. E este sábado participará no festival solidario a favor da Protectora de Animais e Plantas de Lugo. Farao con dous dos seus grupos: Mustélidos e Condensadores de Fluzo, aos que se sumará o grupo Man de Santo. A cita será ás 22.30 horas, tamén no Clavi.
—Isto de tocar en varios grupos faise por afección ou por necesidade?
—Pois polas dúas cousas. Tocas con amigos, entón lévalo ben, gústache... Pero tamén o fas para ter extras. Eu son profesor de guitarra en varios sitios (Fábrica de Sons, Becerreá...), fago de técnico... E levo vinte anos na música.
—Este venres actúa no Clavi con Condensadores de Fluzo. Como será o concerto?
—Presentaremos o noso novo repertorio. Será un concerto en acústico de música rock, blues e punk en galego, cun toque cómico, a base de temas propios e versións dos oitenta. O grupo formámolo Miguel Bello (guitarra e voz), que tamén forma parte de Conducto Coloquio; Fran Zelop (percusión e voz), que tamén toca en Filophóbicas; e eu á guitarra, que tamén estou en Mustélidos e Conducto Coloquio.
—E volverán actuar na mesma sala o sábado.
—Si, no festival benéfico da Protectora. Actuará Man de Santo, que é un grupazo de ska, estaremos Condensadores de Fluzo e Mustélidos, no que tamén son guitarrista.
—Como será o concerto de Mustélidos?
—Facemos versións de todo tipo, é moi variado. Neste caso somos Sara, Borja e máis eu, que levamos catro anos con este proxecto.
—Hai boa canteira de grupos na cidade?
—En Lugo hai moitos grupos e moi bos. O problema é o de sempre, que non hai unha aposta pola cultura nos medios xerais de radio e televisión, segue sen haber programas musicais. A nivel político, no caso de Lugo temos sorte porque desde o Concello si que se está apoiando bastante aos grupos locais.