La Voz de Galicia

Becerreá inaugurou o seu tradicional Belén dos Ancares con moita música e bo humor

Lugo

P.A. LUGO / LA VOZ
O Belén dos Ancares quedou inaugurado este domingo ata xaneiro

O Concello conta cunha ampla programación para o Nadal, promovida pola Asociación Cultural Zoela e na que colabora tamén a Deputación. Outros municipios da provincia tamén se enchen de actividades nestas datas

16 Dec 2024. Actualizado a las 00:49 h.

Ata os concellos máis pequenos programan un Nadal emocionante e cheo de diversión. Todos os recunchos da provincia lucense proxectan unha época pasada por música, xogos, campamentos e diferentes actividades adaptadas a todos os públicos.

Becerreá nunca queda atrás por estas datas, e a Asociación As Candelas leva xa anos iluminando o pobo. Pero di o cura, José Río Ramilo, que este ano é especial porque para o que vén é «ano xubilar», unha celebración da Igrexa Católica que ten lugar cada 25 anos. «As actividades enmárcanse tamén neste aniversario», explica Río Ramilo, un dos organizadores a través da Asociación Cultural Zoela, coa que colaboran o Concello de Becerreá, a Deputación e as parroquias de Becerreá e Cadoalla.

A programación deu comezo este domingo ás 19.00 cun concerto do grupo Zuma, que inaugurou o Belén dos Ancares e marcou o inicio das actividades. Pero ademais, o sábado 28 terá lugar a visita da Apalpadora na Casa da Cultura de Becerreá as 19.30 horas. Trátase dunha actividade promovida pola Deputación de Lugo. E o domingo 29, as 19.00 horas na igrexa de Becerreá, terá lugar unha actuación do coro o Cristo dos Ancares, que presentará un concerto de panxoliñas populares para rematar cun pequeno teatro sobre o nacemento de Xesús.

O grupo Zuma actuou na igrexa de BecerreáCEDIDA

O Belén dos Ancares

O Belén dos Ancares, que definen como «a festa do Nadal máis enxebre da comarca», é un gran atractivo. Este Belén, que se pode visitar ata o 6 de xaneiro de 17.00 a 19.30, ou concertando visitas con Alberto, un dos promotores, a través do número 627817720, recrea a cidade na que naceu Xesús cos os oficios da montaña lucense. A súa principal creadora é, dende fai 25 anos, Olimpia León, unha veciña que ten máis de 80 anos.

Outros concellos con actividades

En Guntín

A programación de Guitiriz trae actividades variadas. O día 18 será o acendido da iluminación e o 20 a exposición «Luces de Alén Mar» na Escola Habanera, que estará ata o 21 de febreiro. O día 21 tamén nesa Escola terá lugar a proxección de curtametraxes a partir das 17.30 horas e o 23 unha actividade de realidade virtual de 10.00 a 14.00. O 26 e 27 haberá na Nave Senpa colchonetas e o día 30 un torneo de tenis de mesa. Ese mesmo día na Escola Habanera terá lugar o campionato de videoxogos e o troco de libros.

En Vilalba

O Concello de Vilalba organiza numerosas actividades para este mes de decembro. Un concurso de escaparates, que comezou o día 5 e dura ata o 7 de xaneiro, un concerto de María Balteira o día 20 as 19.00 e outro coa Banda de Música de Vilalba a partir das 20.30 o día 25. Os dous terán lugar no auditorio. Tamén programan a Coral Luar o 22 de decembro as 12.30 na praza de Santa María e as 13.15 nos exteriores da Casa da Cultura. Ese mesmo día actuará o Dúo Venus de cinco a oito da tarde no Centro Cultural.

En Begonte

Tamén o Concello de Begonte colle con forza esta data. Programa Audicións de Nadal de diferentes instrumentos na escola municipal de música dende hoxe ata o día 20. Os días 21 e o 22 prográmase o Mercado de Nadal na praza do Concello e tamén a visita de Papá Noel. O 23 estará na praza a foodtruck «Galicia Sabe a Mar» e o 28 e 29 de decembro será o Torneo de Nadal de Pádel. Ademais, durante as vacacións a ludoteca será gratuíta para os empadroados e escolarizados en Begonte, con inscrición previa no Concello.


Comentar