Fuxan os Ventos
Lugo
17 Dec 2024. Actualizado a las 17:06 h.
O novo auditorio de Lugo levará o nome de Fuxan os Ventos. Así o decidiron dous de cada tres lucenses que votaron. Mais a escolla non era doada: xunto a eles, erguíanse as figuras senlleiras de Darío Xohán Cabana, Maruja Mallo e Maruja Villanueva. É obvio que pesou moito o carácter musical e colectivo deste grupo que marcou a historia do último cuarto do século XX. A súa pegada ben merece ser inscrita no espazo urbano a través dese costume de designar os lugares cos nomes insignes de quen merece ser lembrado, aínda que, ás veces, a historia nos obrigue a revisalos e aínda que, con maior frecuencia aínda, o nome acabe baleirándose, sendo só un significante, un son, esquecida a súa orixe e aquilo que nomeaba.
Coido que isto non vai acontecer co auditorio Fuxan os Ventos, porque estou convencida de que, neste caso, o tempo fará xustiza e dará a xusta medida do que significou o grupo e a súa música na historia de Galicia. Escoitalos, alá polo ano 1977 ou 78 no meu colexio, a Divina Pastora, é unha das miñas primeiras lembranzas. Logo ensaríllanse outras moitas da miña nai, o meu tío ou o meu avó, cantando as súas cancións e emocionándose con elas, de viaxes familiares en coche escoitándoos en cintas de casete. O propio nome foi un acerto de seu. Ten un aire pondaliano, de natureza que fala e que se expresa, e evoca a sonoridade do vento, como se a música do grupo se ancorase na natureza mesma, ou nun son colectivo e anónimo que vén do mar ou da terra e que chega ao infinito.
Hai uns meses, o Vello Cárcere acolleu unha exposición conmemorativa dos 50 anos do grupo. Agora, coa inauguración do auditorio, espértase a ilusión de volvermos oílos neste espazo que leva o seu nome. O que quede, o que se poida. Porque os nomes das rúas adoitan levar nomes de persoas mortas; mais, neste caso, o noso auditorio soubo recoñecer, en vida, o que xa é parte da historia de Lugo e de toda Galicia.