Bieito Romero, líder de Luar na Lubre: «Nunca houbo tantas propostas musicais en Galicia e en galego coma hoxe en día»
Lugo
O músico, membro fundador do grupo, revela que haberá sorpresas no concerto que a banda de folk ofrecerá en Lugo este venres, día 10, na xira «Luar na Lubre XX. Encrucillada»
08 Jan 2025. Actualizado a las 12:24 h.
A cidade de Lugo será o punto de arranque da xira deste 2025 de Luar na Lubre, unha das bandas galegas de folk máis importantes da historia e un referente mundial da música folk. Inmersos na presentación do seu traballo Luar na Lubre XX. Encrucillada, que viu a luz no verán do 2023, esta xira é unha das máis simbólicas da súa traxectoria, tanto pola magnitude do traballo como porque se presenta a modo de antesala do seu 40 aniversario, que se celebrará o ano que vén, e para o que xa están tamén traballando en estudo.
Con máis de 350.000 exemplares vendidos, dous discos de ouro, nove Premios da Música e outros recoñecementos dentro e fóra de Galicia, Luar na Lubre chega agora cun traballo en formato disco-libro, que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio. Ademais, contan coa participación, entre outras, das diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada traxectoria, con testemuños de máis de sesenta personalidades da música, a literatura e o xornalismo en Galicia.
A emblemática formación galega está composta por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhrán, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas), Brais Maceiras (acordeón) e Cristinta López (cantante). Tralo seu paso por Lugo, actuarán en Alxeciras, Reus (Tarragona), Bolaños de Calatrava (Ciudad Real), Vigo e Pamplona. Bieito Romero, membro fundador de Luar na Lubre, ofrece todos os detalles do concerto de Lugo, que terá lugar este venres, día 10, ás 21.00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas están á venda desde 17,60 euros na web entradas.ataquilla.com.
—Por que elixiron Lugo para o inicio da xira deste 2025?
—Para estes primeiros concertos do ano, sempre eliximos unha cidade galega en particular, e desta vez pareceunos Lugo un bo lugar para facelo. Esta é unha cidade onde sempre se nos acolleu moi ben, temos tocado no San Froilán, no Gustavo Freire... e tiñamos moitas ganas de volver.
—Que pode adiantar do concerto de Lugo? Participarán artistas convidados?
—O único que podo adiantar é que haberá sorpresas [ri], e unha sorpresa en tres dos temas. O repertorio estará baseado na presentación deste novo traballo, Encrucillada, pero tamén faremos un percorrido pola traxectoria de Luar na Lubre, cunha cronoloxía que combinará lirismo e festa.
—Cal é o segredo para seguir tendo éxito despois de 40 anos de traxectoria nun xénero como a música folk e en galego?
—Levar 40 anos na música, en calquera estilo musical, é complicadísimo, máis aínda se se trata do folk e en galego, e cunha banda numerosa. Pero nós levamos desde 1986 e non paramos en ningún momento, con máis de 2.000 concertos en máis de 50 países e un disco cada dous anos. Eu creo que iso se consegue cun bo proxecto, con boas enerxías internas e con tenacidade, porque isto é case unha cuestión de resistencia. Nós fomos un dos grupos galegos de máis proxección e éxito fóra de Galicia, segue habendo un público que merca os discos, que vai aos concertos e que paga por vernos.
—Este será o último disco en formato físico de Luar na Lubre?
—Pois é algo que nos estamos plantexando, pero aínda non está decidido. De feito, o propio título de Encrucillada responde a dúas cuestións: por un lado, a ese encontro de dous ou máis camiños, como a recompilación que contén, e, por outro, refírese a ese momento de tomar decisións, xa que os formatos físicos cada vez teñen menos saída e nin sequera hai case lectores de cedés. O que si temos claro é que non imos deixar de entrar no estudo.
—Con este bum da música tradicional, en moitos casos, fusionada con sons contemporáneos e electrónicos, como ve a situación da música galega?
—A situación da música galega é excelente desde o punto de vista de que nunca houbo tantas propostas musicais en Galicia e en galego coma hoxe en día. É certo que o folk non está pasando polo seu mellor momento, pero as raíces da nosa música están presentes noutros estilos musicais. O importante agora é que esta situación transcenda e se consolide, non pode quedar nun bum, en algo puntual que pasa como se fosen case fenómenos paranormais. Fai falta unha aposta de estado e dos medios, como pasou nos países nórdicos ou en Cabo Verde, e debemos reivindicar un movemento musical galego forte.