A Praza de Lugo
Lugo
18 Mar 2025. Actualizado a las 21:02 h.
Co gallo da celebración do Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras, inaugurouse, na Praza de Lugo, un punto de atención e información sobre o tema. Semella lóxico e esperable, mais é moi diferente, pola contra, do que aconteceu nos últimos anos co mercado de Santiago, onde o proceso de turistificación devorou a súa función inicial, chegando a facer case imposible, para moitas persoas (nomeadamente as maiores), acudiren ás súas instalacións coa finalidade de mercaren produtos de proximidade. Un informe do CISPAC puxo sobre a mesa algunhas recomendacións para preservarmos este espazo, afastándoo da invasión turística no que semella xa unha loita imposible.
No caso da Praza de Lugo hai algunhas vantaxes: o tecido rural da contorna está, sen dúbida, mellor conservado e a masificación turística respectou, polo de agora, o seu sentido orixinal, o que é unha verdadeira sorte A miña memoria de nena está marcada polos martes e venres de mercado. Nas vacacións acompañaba á miña nai á Praza e transitabamos polos pequenos postos de verduras, procurando as mellores leitugas e verzas, as acelgas medidas en madas, os postos de peixe, de carne curada… nomes que foron pasando ou tendo relevo: a Pacita, o Benedicto… O noso mercado fala dun mundo no que se dedica tempo e esforzo a escoller produtos, no que se consomen verduras cultivadas en hortas próximas, por persoas coas que podemos falar para coñecermos como son as leiras nas que os cultivan.
Todos estes procesos están a sufrir unha creba da que o destino do mercado de Santiago constitúe unha clara advertencia. Sermos quen de preservar a Praza para a seguinte xeración sería un bo sinal de conservación de elementos que non deberiamos deixar esmorecer sen resistencia. Trátase dun xeito de vida auténtico, unido á terra. Velaí o valor da nosa Praza.