La Voz de Galicia

Alejandro Rego, artista que expón en Lugo: «Busco emparentar a fotografía coa pintura, facela expresionista»

Lugo

Laura López Lugo / La Voz
Alejandro Rego, no acto de inauguración da exposición da galería Néboa.Alejandro Rego, no acto de inauguración da exposición da galería Néboa.

En «Subir ao ceo», na galería Néboa, o fotógrafo e filósofo bota man da «polaroid» para lograr obras contemplativas, que producen calma e semellan un cadro

19 Mar 2025. Actualizado a las 12:50 h.

O artista Alejandro Rego Díaz (A Coruña, 1993) explora a fronteira entre a pintura e a fotografía na súa exposición Subir ao ceo, que se pode visitar na galería Néboa de Lugo ata o 29 de marzo. O fotógrafo, licenciado en Filosofía e con raíces lucenses, propón a posibilidade de facer unha «pintura» abstracta coa cámara de fotos, a través dun enfoque visual, innovador e reflexivo, facendo do «ceo» un espazo de experimentación artística.

—Con que se atopa o público nesta exposición?

—Esta é a primeira exposición que fago completamente a partir de «polaroids», e as obras mostran ceos, nubes, azuis e brancos... O obxectivo é buscar a maior abstracción posible. A fotografía ten unha natureza descritiva, mostra o que hai diante da cámara, pero eu busco emparentar a fotografía coa pintura, facela máis expresionista e abstracta. É algo que me interesa desde hai tempo. Antes probara a facer bodegóns, e a xente xa se plantexaba se era fotografía ou pintura. Agora fago as fotos, escanéoas e imprímoas moito máis grandes, nun formato de 25x25 ou de 60x60, así que o espectador ten a impresión de estar diante dun cadro.

—O título da mostra tamén é moi suxestivo.

Subir ao ceo ten un dobre sentido. Por un lado, o sentido literal, de mirar cara arriba e contemplar o ceo, porque estas son unhas fotografías máis contemplativas ca documentais. Pero tamén ten un sentido figurado, que emparenta coa tradición espiritual e relixiosa, tanto occidental coma oriental, co que busco levar ao espectador a un estado de calma. Ademais, pola miña formación filosófica, gústame tender cara a abstracción.

 

—Como empezou no mundo da fotografía?

—Á fotografía cheguei primeiro coma un pasatempo. Meus pais son ópticos, así que na miña casa sempre houbo cámaras. Cando fun á universidade, primeiro fixen uns anos de Arquitectura, pero despois cambiei e licencieime en Filosofía. Tamén empecei a facer exposicións de fotografía, que era a miña afección, e acabei cursando un máster en fotografía, proxectos artísticos e teoría da arte.

—Está presente a provincia de Lugo nas súas obras?

—As miñas raíces familiares son lucenses. De feito, eu son o primeiro dos meus antepasados que naceu na Coruña. Os meus pais son da diáspora lucense: miña nai é de Vilarente (Abadín) e meu pai de Meira. Esta é a segunda exposición que fago en Lugo; a primeira foi hai ano e medio no Vello Cárcere, precisamente sobre a Terra Chá. Ademais, gústame moito facer fotos da granxa familiar na Terra Chá.

—Que outros proxectos ten en marcha?

—Teño un traballo nunha libraría en Madrid a media xornada. O resto do tempo, dedícoo á fotografía. Estou facendo outras series con «polaroids», pero non de ceos, senón máis variadas, como un diario fotográfico. Tamén teño intención de facer outra serie de fotos abstractas.

—Que é o que lle atrae tanto da «polaroid»?

—Dende hai un ano, fago solo «polaroid» porque me gusta esa inmediatez deste tipo de fotografías. Ademais, tamén me interesa porque che obriga a tomar un pouco máis de tempo para pensar antes de facer as fotos. A maiores, presenta ese efecto un tanto borroso e falto de nitidez, máis próximo ao abstracto ou ao mundo pictórico, que é o que eu busco.


Comentar