A feira dos 8.000 quilos de butelo, na Fonsagrada
A Fonsagrada
A cita gastronómica terá lugar esta fin de semana
05 Sep 2022. Actualizado a las 18:48 h.
Sábado 19 e domingo 20 • A Fonsagrada •
A Fonsagrada celebra esta fin de semana a XXV Feira do Butelo, recuperando o formato presencial, con 70 postos e 8.000 quilos de butelo. O programa foi presentado onte polo presidente da Deputación, José Tomé, e o alcalde fonsagradino, Carlos López.
Tomé Roca destacou que esta 25 edición da cita será «significativa, moi especial, porque se celebran as Vodas de Prata, pero tamén porque se recupera o seu formato de sempre, o formato presencial, logo de que o ano pasado se fixese unha versión dixital con motivo da pandemia». Avanzou que está convencido de que «A Fonsagrada volverá acoller a milleiros de persoas para celebrar a Feira do Butelo e para degustar este produto de tanta calidade e tan exquisito, que é un emblema do bo facer do noso sector primario».
Ademais, eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible o butelo, como son os gandeiros e gandeiras, as empresas cárnicas, as distribuidoras e a hostalería do municipio e da comarca da Montaña. «Son empresas que crean emprego e oportunidades no rural, que lle dan vida no presente e que apostan polo seu desenvolvemento no futuro», subliñou. Lembrou que a Deputación é un importante apoio para o tecido empresarial da provincia, e que dende o inicio da pandemia se reforzou con importantes medidas que se puxeron en marcha baixo o paraugas do Plan de Impulso da Economía da Provincia: «Fixémolo porque son as pemes e os autónomos os que manteñen a actividade económica no rural, os que aportan unha importante porcentaxe ao PIB da provincia e, sobre todo, os que resultan imprescindibles para manter o equilibrio territorial».
Estímulo para a economía local
Tomé Roca destacou que se trata dunha cita que serve para a «promoción e o estímulo dun produto local que é fundamental para dinamizar a comarca e o rural lucense», e que nestes tempos de pandemia, dixo, «debemos aproveitar para que o mundo mire máis cara o rural como exemplo de vida saudable e de produción sostible».
A Feira do Butelo, declarada de Interese Turístico Galego, destaca por ser «unha cita imprescindible para os veciños e veciñas de Lugo, pero tamén para persoas chegadas doutros territorios de Galicia e mesmo de Asturias», detallou o mandatario provincial. «A gastronomía e o turismo cambian constantemente, por iso é necesario facer o que está facendo o Concello da Fonsagrada: atopar novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós», salientou.
A Deputación de Lugo achega ao Concello da Fonsagrada 444.285,24 euros a través do Plan Único deste 2022 para desenvolver distintas actuacións e mellora de infraestruturas, como a Feira do Butelo, para manter e aumentar os servizos e infraestruturas e crear emprego, entre outras.
Sábado 19
· 10.00h. Apertura da carpa
· 12.30h. Inauguración
· 20.00h. Peche da carpa
Domingo 20
· 10.00h. Apertura da carpa
· 12.00h. Recepción
· 12.30h. Actuación do grupo de música tradicional Illa Pancha
· 13.00h. Entrega da distinción «Butelo de Ouro» no salón de plenos do Concello
· 13.30h. Actuación da A.C. Antaruxas e Sorteiros
· 20.00h. Peche da carpa