La Voz de Galicia

A Casa da Cultura de Antas de Ulla vai collendo forma

Antas de Ulla

la voz lugo
Visita do delegado do Goberno ás obras de mellora da Casa da Cultura de Antas de Ulla

O Goberno aporta 810.000 euros para a reforma dun edificio que empregan colectivos musicais e teatrais do municipio da Ulloa

28 May 2024. Actualizado a las 11:50 h.

O Concello de Antas de Ulla, con fondos do Estado e tamén con fondos propios municipais e doutras Administracións, está sacando adiante obras en edificios públicos do municipio, como pode ser a adaptación para local social y cultural da casa cuartel da Garda Civil ou como as obras de reforma da Casa da Cultura.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este martes como se desenvolven os traballos. Valorou o bo ritmo das obras de rehabilitación da Casa da Cultura de Antas de Ulla, que contan co financiamento do PIREP Local, dentro do Plan de Recuperación, do Ministerio de Transportes.

Pedro Blanco supervisou o avance das obras acompañado pola alcaldesa, Pilar García Porto, e a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez. Blanco comprobou a nova distribución dos espazos, destacando a accesibilidade do edificio, así como a mellora do illamento «que se traducirá nun aforro enerxético importante tanto para as arcas municipais como para o obxectivo que perseguimos de sustentabilidade ambiental».

Neste senso, subliñou o carácter municipalista do programa, «que permite o acondicionamento de edificios públicos en concellos pequenos do rural galego como Antas de Ulla a través de fondos do Plan de Recuperación do Goberno».

Pedro Blanco trasladou á rexedora a importancia da colaboración interinstitucional, agradecendo o seu traballo para axilizar o comezo das obras que converterán este espazo cultural «nun lugar polivalente que funcionará como local de ensaio das asociacións, sala de concertos e biblioteca».

Actualmente empregan estas instalacións Fiadeira, o grupo de Teatro, a Coral e a Escola de Música da Banda de Música de Antas.

O proxecto que se executa

A reforma do edificio da Casa da Cultura de Antas de Ulla foi incluída no Programa PIREP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, cun investimento de 810.000 euros. Este programa ten como obxectivo colaborar coas administracións autonómicas e locais para a rehabilitación de edificios públicos, e céntrase na mellora da eficiencia enerxética e a calidade arquitectónica destas instalacións.

Tras a firma do contrato coa empresa adxudicataria e a correspondente acta de replanteo, xa deron comezo as obras que incluirán a reforma da envolvente enerxética do edificio actual da Casa da Cultura, favorecendo a sustentabilidade e gañando en confortabilidade. Manterase o equipamento da Biblioteca e reordenarase o resto do espazo dispoñible.


Comentar