La Voz de Galicia

Vinte e seis asociacións únense para organizar unha xornada en recordo de Manuel María

Castro de Rei

lugo

Terá lugar, con numerosos actos, o 28 de maio en Castro

11 May 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Xa son case trinta as asociacións culturais da provincia de Lugo as que se uniron para organizar unha xornada en lembranza do poeta da Terra Chá, Manuel María. Será o vindeiro 28 en Castro de Rei. Durante toda a xornada celebraranse actos variados. Os colectivos culturais puxeron en marcha una federación e xa operan cunha conta no Facebook.

No é nova a idea de dedicar unha xornada a persoeiros senlleiros por parte das asociacións. Un portavoz do grupo explicou onte que xa promoveron unha homenaxe ao poeta Lois Pereiro cando a Real Academia Galega decidiu dedicarlle un Día das Letras Galegas.

Agora é Manuel María o persoeiro elixido, entre outras razóns por ser poeta lugués con case todas as súas raíces na Terra Chá. Fernández Teixeiro naceu e viviu unha longa tempada na Casa de Hortas de Outeiro de Rei, hoxe convertida en museo.

Esa xornada das asociacións terá lugar na área recreativa do río Azúmara en Castro de Rei. Aínda está por artellar o programa, cousa que os organizadores irán facendo ao longo dos próximos días. De feito teñen previsto reunirse de novo mañá.

Aínda sen estar pechado o programa de actividades xa se sabe que haberá actuacións musicais, poesía, actividades para os nenos e tamén unha comida popular á que está prevista a asistencia de numerosos escritores da Terra Chá, e tamén doutros lugares da provincia e Galicia.

Os actos está previsto que empecen pola mañá. Haberá unha sesión vermú e logo un xantar. Polo de agora xa están confirmadas as actuacións musicais de Mini e Mero e tamén de Fran Amil e a Tribu Incomprensibel, unha formación que está formada por músicos de varios grupos galegos. Ao longo dos vindeiros días sumaranse máis actuacións, xa que o interese desta xornada que será un dos grandes actos culturais do ano na provincia.

Segundo un membro da organización, a asistencia aos actos é de balde. A primeira xuntanza das asociacións culturais implicadas nesta xornada tivo lugar en Castro fai quince días.


Comentar