La Voz de Galicia

Manuel Sandamil: «O consumidor debe concienciarse do importante que é ter leite galego»

Castro de Rei

XOSÉ MARÍA PALACIOS vilalba / la voz presidente da federación frisoa galega
Sandamil, na súa explotación, situada en Pacios (Castro de Rei)

Di que o peso da agricultura e da gandaría axuda a comprender a importancia do sector

30 Oct 2020. Actualizado a las 09:18 h.

Manuel Sandamil, gandeiro da parroquia de Pacios (Castro de Rei), vén de ser elixido presidente da Federación Frisoa Galega. A entidade ten uns 2.400 socios: arredor da metade son da provincia de Lugo; uns 900, da da Coruña, e uns 300, da de Pontevedra.

-Unha asociación con máis de 2.000 gandeiros axuda a superar a suposta desunión no campo galego, non lle parece?

-Non debera haber esa idea nin esa desunión. O noso obxectivo, a un prazo non moi longo, é unir ás asociacións de control gandeiro [Sandamil tamén é presidente, dende hai meses, de Africor Lugo] para ter un só rexistro e un só control. Sería o ideal, porque tamén serviría para rebaixar custos. Nesa idea traballaremos.

-Un prezo do leite ás veces baixo e escaseza de terreo en moitas explotacións. Son problemas coñecidos. Hai máis?

-Eses dous, sen dúbida, son os grandes problemas. Fóra diso, unha das cousas que se ten falado é a necesidade de unión. Habería que loitar para que o prezo do leite fose máis alto. Así poderíase pensar en suprimir as subvencións: hoxe, sen as axudas da PAC, sería inviable esa medida. Outra situación que nos afecta é a dos danos do xabaril, e outra, a do decreto dos puríns, para a que a medio prazo teremos que prepararnos.

-No ano do coronavirus, como resisten as gandarías de leite?

-Posiblemente sexamos un dos sectores menos afectados agora mesmo. Pero todo é unha cadea: na carne, por exemplo, baixou a comercialización.

-Nota a sociedade a importancia das explotacións de leite?

-Abonda ver que algunhas comarcas viven grazas á agricultura e á gandaría. O movemento económico vén dado polas explotacións. Son o soporte, como noutras poden ser o turismo ou a industria, como Alcoa na Mariña.

-Menos explotacións e de máis tamaño. Seguirá esa tendencia no futuro?

-Probablemente. Todos os indicadores son eses: redúcese o número de explotacións en España e en Galicia e aumenta nelas o número de animais. Esa situación vén dada polas explotacións que pechan por xubilación ou por falta de relevo xeracional. Para gañar o mesmo, cada vez hai que ter máis animais.

-Este ano veuse a importancia que ten para un país a produción de alimentos. Deuse conta a xente da importancia do leite para Galicia?

-Debera darse sempre. O leite é o soporte económico de boa parte de Galicia. As industrias máis importantes teñen base en Galicia; iso quere dicir que hai boas explotacións aquí. Non cabe dúbida de que debemos seguir coidando o medio rural, porque é un sector importante. O consumidor debe concienciarse do importante que é ter leite galego. Creo que hoxe o noso leite está ao mesmo nivel de calidade dos mellores. As explotacións están a un alto nivel no manexo, na produción e no resto. Galicia non ten nada que envexar a ningunha outra comunidade autónoma nin a outros países, aínda que o prezo do leite non indique iso. Tamén temos máis factores en contra: o que falabamos da pouca base territorial, por exemplo.

«Os concursos de gando son unha referencia para moitos gandeiros»

Este ano, polas circunstancias sanitarias, non se celebrou o concurso de gando frisón da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). Sandamil salienta o valor desas iniciativas: «Dende hai tempo, os concursos de gando son unha referencia para moitos gandeiros para valorar, por exemplo, a xenética que teñen. Nos últimos tempos a participación é menor, o que ten que ver coa carga de traballo das explotacións e co tempo que se precisa para preparar os animais», di. A continuidade dos concursos parécelle importante: «Creo que é algo polo que se debe apostar, aínda que sexa necesario buscar alicientes para os gandeiros e animalos. Débese traballar con xente nova para fortalecer os seus coñecementos. De todos os xeitos, a capacidade dos gandeiros xa é moi alta», afirma.


Comentar