La Voz de Galicia

Abre en Castro de Rei un novo espazo para a cultura

Castro de Rei

Laura López Lugo / La Voz
Margarita Ledo Andión

O programa cultural inaugúrase o 31 de xullo coa presentación da antoloxía poética de Margarita Ledo e a mostra de debuxos de Luís Moscardó. Será na Casa da Galería, que busca difundir o legado da escritora e cineasta chairega e promocionar a cultura galega, co lema «cinema, cultura, comunicación»

31 Jul 2024. Actualizado a las 10:38 h.

Un novo templo da cultura, vivo e dinámico, un lugar de referencia para a arte e o pensamento galegos. Así é a Casa da Galería que, baixo o lema «Cinema, cultura, comunicación», abre en Castro de Rei o seu primeiro espazo para usos culturais. A inauguración será o mércores 31 de xullo ás 19.00 horas coa presentación da antoloxía poética da escritora e cineasta chairega Margarita Ledo Andión e unha mostra de debuxos de Luís Moscardó.

O novo espazo, impulsado pola Fundación Margarita Ledo Andión, ten como obxectivo difundir e conservar o legado de Margarita Ledo, ademais de promocionar a cultura galega nas súas diversas expresións: cinema, literatura, obra plástica, pensamento... «A idea é poñer a disposición de quen lle interese o meu legado plástico (gravados, pinturas...) e audiovisual (películas, documentais...), traballos da Produtora Nós, e fondos hemerográficos e bibliográficos vinculados, sobre todo, ao cinema e á comunicación», explica Ledo.

Todo isto coa idea de poñer este material, algún inédito, a disposición do público para o seu estudo e consulta, pero tamén co obxectivo de ampliar a actividade cultural en Galicia, desde Castro de Rei, reivindicando así as orixes rurais da autora, que aparecen, dun xeito ou doutro, en todos os seus traballos dos vinte anos que leva de carreira cinematográfica. Neste sentido, para o próximo ano teñen previsto impulsar a promoción do legado audiovisual e facer proxeccións ligadas ao territorio (paisaxe e chaira).

 

O programa, ao detalle

O que comeza o mércores 31 é o primeiro programa «con artistas, escritoras, editores e persoas que convidan a unha nova ollada sobre o familiar, secomasí a adentrarnos no que tal vez nos resulte estraño». Para iso, inaugúrase a exposición Paisaxe interior (debuxos que escriben versos), de Luís Moscardó, un artista natural de Valencia, pero con estudo en Castro de Rei. Abre o espazo expositivo da Casa da Galería con debuxos inéditos e orixinais feitos a partir do libro Prefiro Condenarme, de Ledo: «É un pintor próximo no eido creativo e afeito a traballar a partir de versos».

 

Ademais, precisamente nesta xornada tamén se presentará a antoloxía da obra literaria de Margarita Ledo, que baixo o título Prefiro condenarme edita Chan da Pólvora. No acto intervirá, ademais da autora, o editor Antón Lopo; a poeta Eva Veiga, autora dun texto que acompaña a obra; e o artista Luís Moscardó. O volume recorre desde o su primeiro libro, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto —que publicou en 1970, «con 19 anos, cando se escriben eses poemas cuxa lectura non sabes se poderías resistir na actualidade», comenta entre risas— ata os textos máis recentes. Son poemas e textos poéticos, algúns inéditos, agrupados baixo o mesmo título que a película que está a piques de estrear, Prefiro condenarme: «Son dúas obras que non teñen relación a nivel temático, pero xorden da mesma pulsión interna, parten de algo real. O filme, por exemplo, trata sobre a desobediencia dunha mariscadora que, en tempos do franquismo, se enfronta a unha acusación de adulterio», aclara. No caso do libro, a través de miradas múltiples, reflíctese, por exemplo, o uso do galego como «un acto de vontade», malia a carencia dunha alfabetización en galego, «como lle ocorreu a toda a miña xeración; de aí, moitas imperfeccións no seu uso».

 

 

A programación continuará o 4 de setembro, con Bernardo Tejada, que presentará murais serigráficos realizados polo colectivo de Valencia @serigrafíamediosalvaje, cuxo material orixinal son fotografías de notables de Castro de Rei. E o día 11 proxectarase un documental sobre Manuel María.


Comentar