Localizados seis castros en Baleira e Castroverde
Castroverde
Non estaban catalogados e algúns atópanse en bo estado de conservación
16 May 2020. Actualizado a las 13:34 h.
A colaboración entre os colectivos Patrimonio dos Ancares e Mariña Patrimonio permitiu documentar nesta semana seis novos castros na parte oriental da provincia de Lugo, dous no concello de Baleira e catro no de Castroverde. Segundo explica o historiador Xabier Moure, non figuran recollidos nin no Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia nin nos PXOM.
«Resulta chamativo que a pesar de ser tan evidentes no terreo e que nos seis casos conserven, incluso no Catastro, os evocativos topónimos de O Castro ou de A Croa, estean sen catalogar, ademais de que os veciños cos que falamos os identifican claramente», sinala Moure.
Os castros do concello de Baleira atópanse na aldea de A Espiña, parroquia de Cubilledo, e na aldea de As Salgueiras, parroquia de Martín. Teñen unhas dimensións de 75 por 55 metros, e de 70 por 65 metros, respectivamente.
Os asentamentos do concello de Castroverde atópanse nas cabeceiras parroquiais de Rebordaos, Souto de Torres e San Miguel do Camiño (nesta última localizamos dous). Teñen unhas medidas de 88 por 57 metros, 140 por 85 metros, 107 por 95 metros, e 250 por 150 metros, respectivamente.
Nos seis castros, situados a unha altitude entre 500 e 650 metros, obsérvase, explican desde Patrimonio dos Ancares, claramente o seu perímetro, destacando tres do concello de Castroverde que se conservan en relativo bo estado coas súas defensas compostas por murallas terrapléns e foxos. «No castro da parroquia de Rebordaos, nunha pena situada na parte máis alta da croa, localizamos tres caloletas aliñadas de clara factura artificial, quizais utilizadas nalgún tipo de ritual. Estes son os segundos petroglifos documentados no concello de Castroverde, os primeiros localizámolos nós no ano 2018, no sitio coñecido como A Pena da Cruz, no límite co concello do Corgo, e que xa foron catalogados no seu momento por Patrimonio».
Con estes novos achados, no concello de Baleira documéntanse 22 castros, e 38 no de Castroverde. O colectivo patrimonial xa comunicou os achádegos á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago e ao Servizo de Xestión Cultural en Lugo para que procedan á súa catalogación.