Mitoloxía, historia e paisaxe fluvial en Friol para un domingo de lecer
Friol
Preto de Lugo pódense ver paraxes naturais e monumentos históricos para desconectar
05 Jul 2021. Actualizado a las 12:15 h.
A tan só vintecinco minutos de Lugo, atópase Friol que, malia deber principalmente a súa sona ao queixo e ao pan de Ousá, emblemas do lugar, ofrece unha gran cantidade de alternativas coas que desconectar do agobio da cidade. Visitas a fortalezas, a espazos naturais e rutas de sendeirismo son algunhas das actividades que permiten coñecer o entorno e achegarse ao patrimonio e á historia do concello lucense.
Paseo fluvial
En pleno centro do concello atópase o paseo fluvial, á beira do río Narla. Ademais da paisaxe idónea para desfrutar con mascotas ou nenos que invita a desconectar, o lugar conta cun espazo para comer e merendar debaixo das árbores e un complexo deportivo con pista de tenis, campo de fútbol e piscinas cuxas reformas aínda non remataron. O paseo tamén agocha parte da historia de vila, xa que ao longo do camiño encóntranse as ruínas da planta da luz, a primeira planta xeradora de electricidade de Friol. Ao final do percorrido, vese o Muíño de Serén, un antigo muíño ao que se dirixiron durante moitos anos os veciños e que se converteu nunha das obras máis emblemáticas do concello.
Fortalezas
Ademais de pasar unha xornada de merendas, xogos e paseos, a vila tamén conta cuns importantes monumentos históricos medievais. A fortaleza de San Paio de Narla na parroquia de Xiá, a uns catro quilómetros do casco urbano, é un dos máis visitados e recoñecidos. A construción actual, tamén coñecida como a Torre de Friol ou Torre de Xiá, foi erixida en torno ao século XVIII coma moitas outras construcións sobre un castro . No seu interior atópase o Museo Etnográfico e da Historia de San Paio de Narla cuxa entrada é de balde e no que se pode visitar parte das coleccións etnográficas do Museo Provincial de Lugo, entre as que se atopan coleccións de útiles para traballos agrícolas, ferramentas de tecido da la e do liño, mobiliario e obxectos artísticos que ensinan a forma de vida da época.
Outro dos recursos patrimoniais situados no concello é a Torre de Miraz, á que se chega pola estrada LUP-2101 que comunica Friol con Parga. A fortaleza, construída no século XV, foi declarada Ben Interese Cultural. Conta cun torreón defensivo de doce metros de altura e un pazo pegado cunha fachada en sillería de granito que, aínda que sufriu numerosas reformas, goza dunha moi boa conservación. Preto dela e na mesma parroquia está a Igrexa de Santiago de Miraz, templo que acadou bastante popularidade xa que por el pasa unha das etapas do Camiño do Norte.
Paraxe de lendas
O Monte da Cova da Serpe, onde conflúen os concellos de Friol, Gutiriz e Sobrado, é outro dos puntos máis visitados da comarca, ben sexa polas rutas de sendeirismo que ofrece ou pola lenda sobre amores prohibidos e un animal mitolóxico que moraba na cova e que aparece no escudo da vila. O paraxe pertencente á reserva da biosfera Terras do Miño ten un dos mellores miradoiros da zona xa que ofrece no seu punto máis alto, a máis de oitocentos metros de altitude, unha vista panorámica das provincias de Lugo e A Coruña.