La Voz de Galicia

A fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, cambia a súa museografía para rescatar a vida oculta da historia

Friol

Suso Varela Lugo / La Voz

Nova museografía en San Paio de Narla

A Rede Museística Provincial de Lugo dá visibilidade ao edificio pero tamén ás persoas que nel habitaron, de nobres a vasalos

18 Aug 2024. Actualizado a las 19:25 h.

O Museo de San Paio de Narla, en Friol, reconfigúrase como un espazo dedicado a afondar nas vidas e acontecementos dos que foi escenario ao longo da historia cun novo proxecto museolóxico e museográfico titulado «Soterradas, vidas e historias na busca dun contexto de xustiza social», que intervén o percorrido visitable do museo con instalacións que recuperan episodios acontecidos no edificio e outras fortificacións de Lugo.

Un dos elementos centrais da renovación é unha instalación cunha liña do tempo que repasa a historia da edificación, desde o primitivo castelo medieval derruído ata a contemporaneidade. Un panel afonda sobre a incidencia da Gran Revolta Irmandiña na construción do edificio e outras instalacións que chaman a atención do visitante sobre os alxuves ou picotas, onde os señores executaban e infrinxían castigos aos seus vasalos, e as cámaras de tiro desde as que se defendían as fortalezas ( Narla conserva unha previa á revolta irmandiña de 1467).

Ademais do contexto histórico e evolución arquitectónica do edificio, a nova museografía visibiliza as biografías das señoras de Narla e sinala o coleccionismo e os gabinetes de curiosidades da nobreza como orixe dos museos.

Novos paneis

As instalacións e paneis informativos inclúen códigos QR para acceder a documentos históricos ou dramatizacións en relación cos feitos narrados, contido xerado a partir do traballo de documentación e investigación coordinado por Simón Vicente.

A xerente da Rede Museística Encarna Lago explicou que «o que fixemos con este proxecto é ‘hackear’ o propio museo: baleiralo dun contido que non era propio (etnográfico) para enchelo do contido que nos proporcionan a historia da fortaleza en paralelo a doutras fortificacións das comarcas de Lugo». E puxo en relevo «o traballo de documentación e investigación realizado durante os últimos tres anos para desenvolver o proxecto, que supuxo recuperar episodios esquecidos ou invisibilizados detrás dos relatos hexemónicos».

A inauguración

Pola súa parte, na presentación desta nova museografía de Narla, celebrada o pasado mércores pola tarde, a deputada Iria Castro destacou que «desde a Vicepresidencia da Deputación apostamos polo gran traballo que fan dende a Rede Museística para mudar a forma en que se conciben os museos tradicionalmente e tamén para mudar a forma en que a sociedade se achega a eles. Un museo non é un mero edificio, un museo é unha institución educativa ao servizo da sociedade que fala do que fomos e falará do que somos hoxe» e valorou «a iniciativa de visibilizar, a través da historia de Narla, a relevancia histórica das revoltas irmandiñas, nas que a sociedade no seu conxunto participou no derrocamento dun poder establecido cruel e estableceu temporalmente un poder político de abaixo a arriba sen precedentes».

O percorrido guiado polo renovado museo complementouse coa proposta artística multidisciplinar «Asalto ao castelo pola xustiza social», con música, arte, danza e literatura, na que participaron Concha Blanco, Alexandra Cabana, Luz Darriba, Carlota Pérez, Davide Salvado, María Sánchez e Roser Vernet, e coa que, tomando como referente a Revolta Irmandiña, reivindicaron o papel que as mobilizacións sociais tiveron e poden ter no devir histórico.

A renovación dá continuidade aos proxectos levados a cabo desde o 2020, con iniciativas como «Soterradas, a vida tras o mantelos: da fortaleza ao pazo» na que se traballaron as desigualdades de xénero e clase e as de ciclos de vida..


Comentar