La Voz de Galicia

Notas e apuntes, a cara menos coñecida de Díaz Castro

Guitiriz

XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ O AMPLO LEGaDO DUN POETA
Xermolos garda un amplo fondo documental do escritor Díaz Castro.

A Casa das Palabras de Guitiriz garda variados documentos que o autor de «Nimbos» escribiu ao longo da súa vida

27 Sep 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Xosé María Díaz Castro deixou unha ampla pegada na poesía galega; tanta, que o autor, xa en vida, confesou nalgún momento sentirse algo abraiado polos comentarios a Nimbos, único libro que publicou. Pero deixou tamén, no Guitiriz ao que volveu pasar os seus derradeiros anos, un herdo que aínda non se coñece completamente pero que está gardado e que amosa ben a actividade intelectual e a curiosidade do poeta.

É sabido que Díaz Castro pasou varios anos no Seminario de Mondoñedo, como outros poetas chairegos máis ou menos do seu tempo (Aquilino Iglesia Alvariño) ou algo maiores (Xosé Crecente Vega). Desa estadía quedan poemas -publicados hai anos na revista Amencer, editada por alumnos dese centro-, pero tamén notas e apuntes.

Do poeta pódese dicir, sen dúbida, que escribía ben.Pero facíao con dominio de fondo e de forma, pois se os versos de Nimbos posúen gran beleza, a letra non quedaba fóra desa calidade. A caligrafía de Díaz Castro semellaba, por outra banda, cousa de familia, compartida con seu pai -escribente no Concello de Trasparga, orixe do actual de Guitiriz- e con seu irmán Serafín -que redactaba documentos de fincas e que era reclamado na comarca, xustamente pola súa boa letra, para elaborar escrituras-.

Alfonso Blanco -coordenador da Asociación Cultural Xermolos, que garda todo ese material na Casa das Palabras de Guitiriz, e gran coñecedor da obra poética de Díaz Castro- afirma que hai textos en castelán pero tamén en latín, que corresponden cos apuntes dalgunhas asignaturas do Seminario.

A eses anos corresponde tamén o comezo dun guión de cine. O que se conserva é pouco máis dunha páxina, pero semella suficiente para advertir que a historia tería un contido baseado en misións. Non é un feito alleo a Díaz Castro, que, como lembra Blanco, mesmo chegaría a traducir ao castelán unha biografía de Alfred Schweitzer, pensador e misioneiro alemán -logo nacionalizado francés- que obtivo o Premio Nobel da Paz en 1952.

A afección pola sétima arte duroulle sempre: en Vilagarcía, onde pasou varios anos e foi profesor, adoitaba ir ao cine; pero en Madrid, onde pasou décadas antes de volver a Guitiriz e desenvolveu unha ampla traxectoria de tradutor, acudía a rodaxes de películas co produtor vigués Cesáreo González.

Dos anos pasados en Vilagarcía, tras o remate da Guerra Civil e antes do traslado a Madrid, quedan tamén programas de asignaturas de Filosofía e Letras. Alguén pode preguntar, aínda sendo un poeta de escasa obra pero de vocación xurdida e desenvolvida xa nos anos mozos, se quedan poemas inéditos. Díaz Castro entende que non, pois o material que se garda en Guitiriz e que non formou parte de Nimbos incorporouse ás obras completas, preparadas polo crítico Armando Requeixo.

Todo o que hoxe permanece na Casa das Palabras tería un novo destino se callase un proxecto perseguido por Xermolos dende hai anos: convertir a casa natal do poeta, hoxe propiedade da asociación, en lugar de usos culturais. É unha vella aspiración que non se abandona.

crónicA O AMPLO LEGaDO DUN POETA

Vivindo en Madrid, acudía con frecuencia a rodaxes de películas

Homenaxe nos 25 anos do pasamento

O venres, día 2, Guitiriz acolle unha homenaxe ao poeta nos 25 anos da súa morte: primeiro -cemiterio, seis e media da tarde-, unha ofrenda; logo -igrexa dos Vilares, oito do serán-, inauguración dunha exposición sobre o poeta e recital poético. Seguen así os actos que xa tiveron lugar no 2014, no centenario do nacemento e no Día das Letras Galegas.


Comentar