«Antes sabíase se ía chover, e iso é un síntoma de que o clima cambia»
Guitiriz
Susana Bayo, física de Guitiriz e membro do grupo de Al Gore sobre o cambio climático, afirma que as circunstancias meteorolóxicas son xa distintas e que cómpre asumir esa variación
20 Dec 2017. Actualizado a las 05:00 h.
¿Choverá? ¿Quentará o sol? O tempo non é só o asunto que enche unha conversa con descoñecidos, senón tamén un tema de evidente o importancia na nosa vida cotiá. Susana Bayo (Guitiriz, 1977) é licenciada en Física pola Universidade de Vigo; está a preparar a tese de doutoramento no campus de Ourense, baixo a dirección de Juan Antonio Añel, e forma parte, dende a pasada década, do grupo sobre cambio climático promovido por Al Gore, ex vicepresidente dos Estados Unidos.
-Cambia o clima, ou fáltanos memoria para decatármonos de que xa houbo outras secas longas?
-Para falar de cambio climático, cómpre unha perspectiva de alomenos 30 anos. Escoitei a xente maior, esta semana [a entrevista tivo lugar o pasado venres], comentar que non lembraban unha situación así, que lles parecía rara. Pero secas prolongadas ou chuvias fortes, como as de Ana, estanse a dar con máis frecuencia. Hai, nos últimos 30 anos, este tipo de fenómenos, Hai ademais unha parte importante ou á que non se lle dá importancia, a adaptación: o cambio climático está a aquí, para quedar entre nós. Se falas con xente maior, diche: ‘Isto non pasaba antes’. Teño paixón pola meteoroloxía, que me vén de meu pai. Un día pregunteille se ía chover, e díxome ‘Non sei’. Antes sabíase, e iso é un síntoma de que o clima está a cambiar.
-Están en perigo peculiaridades nosas? Vostede, por exemplo, é de Guitiriz, onde a auga é practicamente un símbolo.
-Non está en xogo a terra senón a nosa adaptación. Na historia hai moitos cambios; pero nunca como agora, por exemplo, houbo tanta concentración de dióxido de carbono. É difícil saber o que vai pasar: saber, por exemplo, se Guitiriz terá agua como agora. A temperatura media do planeta vai ir subindo. Cambiará a flora? Seguro. Hai especies en perigo de desaparición, hai animais aos que lles custa adaptarse aos cambios...
-Trasladando eses puntos e vista á nosa vida cotiá, podemos facer algo?
-En primeiro lugar, concienciarnos. Percibo que a xente di que o clima está cambiando, pero non o interioriza. Temos as nosas responsabilidades: se reciclamos ou non, se collemos os nosos coches particulares ou non...
- Varios compañeiros seus participaron, hai días, nunha charla no instituto de Guitiriz dentro de actividades do Ano da Ciencia. Perciben os rapaces a importancia destes asuntos cando acoden a algunha conferencia?
-Si entenden; pero fai falta máis traballo para que vexan a importancia que ten. É o futuro dos fillos dos nosos fillos; trátase de que estean a gusto.
-Nota vostede cambios no clima fronte ao da súa xuventude?
-Si, sobre todo nas nevadas. Subiron as temperaturas; hoxe, un día de neve é estraño.
-En Galicia e a Terra Chá a xente está afeita á auga. Cambiará iso?
-Hai que asumir que o clima está cambiando. Non se pode asegurar que teremos un tanto por cento menos de auga; pero si hai que ter coa auga máis conciencia, algo que agora non hai. É difícil saber con exactitude o que vai pasar.
-Que debemos ter, preocupación ou alarmismo?
-Preocupación. O asunto depende de cada un e da súa conciencia. Fai falta máis preocupación, porque abrimos a billa e sae auga: o noso pensamento é así. De toda a auga do planeta, só o un por cento é apta para o consumo humano; temos que ser conscientes diso.
«Temos as nosas responsabilidades: se reciclamos ou non, se collemos o coche ou non...»