Juan Fariña, concelleiro de Bergondo e escritor: «A un franquista non lle recomendaría a miña novela»
Portomarín
Centra a súa segunda obra na desaparición dos pobos que asolagou o encoro de Belesar, céntrandose en Portomarín
20 Nov 2022. Actualizado a las 16:27 h.
Non é habitual na área metropolitana quen combine a política coa literatura, pero o segundo tenente de alcalde de Bergondo e concelleiro de Alternativa dos Veciños, Juan Fariña (Bergondo, 1973), ven de editar a súa segunda novela, O que foi.
—Cal é o argumento?
—Hai dúas tramas, unha pasada e outra presente, a primeira é do ano 48 e acaba en 1973, e a outra comeza no 2021 e remata este novembro. O eixo central ven a ser Portomarín, en ambos casos, pero certo é que hai un tema que non podo nin debo desvelar do pasado que involucra a Francisco Franco Baamonde e un dobre, e hai un segredo familiar que quedou de cando se constrúe o encoro de Belesar. É complexo de resumir sen desvelar máis da conta. O protagonista do presente é un home que nace en Londres de emigrados galegos que marcharon ao pouco de comezar a habitar o novo pobo de Portomarín, e ven que de vacacións.
—Por que elixiu Portomarín?
—Documenteime moitísimo, custoume moito. Falei con xente de alí que me contou cousas interesantes do pasado. Eu destacaría as conversas cos do pazo de Berbetoros e con Pereira, que é a memoria fotográfica de Portomarín. Meto personaxes no libro como Barrié de la Maza ou Carmen Polo. Tanto no pasado como no presente hai personaxes ficticios e reais.
—É novela histórica?
—Bordea a novela histórica. É política e non lla recomendaría a un franquista furibundo. Calquera franquista que se sinta franquista non debería ler a miña novela. O político non é a miña intencionalidade, senón contar a historia de Portomarín. Interésame homenaxear ao pobo que desapareceu e non tiña que facelo, porque por un decreto de 1946 fora declarado monumento artístico no seu conxunto. Estaba protexido aparentemente, pero non foi suficiente para salvalo. Dedico o libro ao pobo de Portomarín actual e ao pasado, e non só a eles, senón a unha listaxe importante de aldeíñas que tamén desapareceron e non hai unha memoria viva, apenas hai fotografías.
—Que deberiamos aprender da historia de Portomarín?
—Que a avaricia humana, do capital, as veces, xera moito máis dano do beneficio que vai a xerar. E que ese beneficio é para quen é, non para o conxunto da sociedade como se quere vender. Embalsar, neste caso, cincuenta quilómetros de río causou un estrago enorme nunha economía, nunha historia e nunha sociedade secular que saltou polos aires. Non é exclusivo de Galicia, na historia de España hai moitos exemplos, durante o desarrollismo, trala Guerra Civil. É un factor, de feito, para a España baleirada, que tanto se comenta hoxe. Esa foi unha das primeiras explosións que expulsaron á xente do rural de forma masiva.
—Que lle leva a literatura?
—Se cadra queda rimbombante, pero unha pulsión, unha ansia interior. Cando tiña 35 anos, e xa me parecía tardío, púxenme a escribir un libro que quedou aparcado. Sempre o levei dentro, pero non me atrevía a dar o paso. Atrevinme tarde, pero a tempo.
—Que tal a acollida da primeira obra?
—A nivel editorial, escasa, porque non es alguén coñecido, son un advenedizo, pero a nivel público atopeime con que a xente conectou co libro. Eu interrogo aos lectores para saber que mellorar, e creo que esta novela da un paso máis, atrévome con cousas que teñen o seu aquel. Fago un exercicio de historia que é un atrevemento, e ata aí podo ler.