O campo galego busca os seus futuros agricultores e gandeiros
Mercados
Medio Rural pon en marcha toda unha batería de medidas para garantir a remuda xeracional, que van dende axudas á incorporación a un banco de explotacións e a unha seria aposta pola formación
03 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A falta de remuda xeracional é un dos problemas que afecta ao sector agrogandeiro español. E Galicia non é allea a el. Nos últimos anos, na comunidade detectouse o peche de explotacións porque, en ocasións, os seus propietarios non atopan ninguén da familia quen os suceda. Rematar con este problema é un dos obxectivos que se marcou a Consellería do Medio Rural. Esta Administración leva anos apostando polas axudas para facilitar a incorporación dos mozos á actividade agraria e por ofrecerlles unha formación axeitada. Ademais, deseñou un plan para fomentar esa remuda, que, entre outras cuestións, prevé a creación dun banco de explotacións, unha entidade que porá en contacto a quen queira incorporarse á actividade agraria con aqueles que desexen retirarse, pero non teñan sucesor.
Dúas son as principais liñas do que foi bautizado como o plan para fomentar a remuda xeracional. A primeira delas é o mencionado banco de explotacións, que se porá en marcha no marco da lei de recuperación da terra agraria. O seu obxectivo é que alí se poidan atopar aquelas explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e, por outro lado, aquelas persoas interesadas en asumir a xestión dunha granxa, ben sexa mediante a compra ou o alugueiro. Trátase, desta forma, de fomentar o cambio xeracional fóra da liña familiar, é dicir, en explotacións que non teñen expectativas de continuidade dentro da familia. Esta mesma entidade tamén actuará como instrumento de intermediación no proceso de transmisión destas explotacións.
O banco aspira a converterse nunha oportunidade tanto para o titular da explotación, que poderá completar a súa pensión de xubilación cos ingresos xerados pola venda ou alugueiro dela, coma para quen queira incorporarse á actividade, que se fará cargo dunha explotación viable e en funcionamento. Todo este proceso de transmisión estará tutelado pola Xunta, a través da rede de oficinas rurais. Estes centros informarán, prestarán asesoramento e tramitarán as propostas, que deberán ser resoltas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Proxecto de cooperación
A segunda pata deste novidoso plan son as axudas ligadas a este novo banco. Beneficiarán aos agricultores e gandeiros que decidan cesar a súa actividade co fin de ceder a explotación, mediante a presentación dun proxecto de cooperación entre ambas as partes. Poderán acollerse a elas as persoas físicas ou xurídicas que se xubilen ao final da operación. Para iso, deberán presentar un proxecto de cooperación entre o agricultor ou gandeiro en situación de xubilación e a persoa sucesora, que vai asumir a xestión da explotación, que inclúa un contrato de alugueiro ou compravenda para a transferencia da explotación.
O obxectivo deste programa é evitar o peche de explotacións viables. A intención de Medio Rural é poñer en marcha este banco antes de que remate o ano. Este será o paso previo á convocatoria das axudas á cooperación, algo que se fará ao longo do próximo ano. O orzamento total deste programa é de 2,1 millóns de euros para o período 2025-2029.
Por outra banda, Medio Rural tamén lembra que tanto as persoas que queiran ceder unha explotación coma as que queiran acceder a elas poderán acollerse a outra liña de subvencións establecida dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC). Trátase de axudas para fomentar a incorporación de mozos á actividade agraria ou de novos activos ao agro, unha liña nova que se puxo en marcha por primeira vez durante este ano. Tamén se poderán acoller ás destinadas a apoiar os investimentos en explotacións agrarias.
Novas incorporacións
Desde Medio Rural lembran, ademais, que levan anos xestionando axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agropecuarias e para a creación de empresas por parte de agricultores mozos. Dúas medidas que tamén buscan contribuír a manter a actividade de agricultores e gandeiros. Desta forma, só entre os anos 2009 e 2023, estas subvencións permitiron apoiar preto de oito mil plans de mellora, e facilitaron a incorporación de 4.700 mozos. Cómpre destacar que entre o 35 % e o 40 % deles se uniron ao sector lácteo e, a gran maioría, en explotacións de maior tamaño, apostando así pola profesionalización do sector. Cada unha das empresas que se beneficiaron destes plans recibiron unha media de 36.500 euros por mozo incorporado.
En canto ás novas incorporacións, pódese dicir que preto de cinco mil mozos pasaron a traballar no campo galego con axudas da Xunta entre o 2009 e o 2024. A isto hai que sumarlle as 170 persoas que se acolleron á nova liña de axudas para favorecer a incorporación de persoas de entre 41 e 55 anos.
O banco buscará novos propietarios para asumir explotacións que queiran pechar por xubilación
Preto de cinco mil mozos se incorporaron ao sector agrogandeiro galego coas axudas da Xunta