La Voz de Galicia

Adeus a Manuel Freire, alma dos Freires de Oza dos Ríos

Obituarios

La Voz A Coruña

Foi o impulsor dun dos máis sobranceiros cuartetos de gaitas do país

08 Nov 2024. Actualizado a las 13:09 h.

Manuel Freire Fernández naceu en Oza dos Ríos o 22 de febreiro do 1928. Non tardou en amosar as habilidades herdadas do seu pai, o virtuoso gaiteiro José Freire Noya (1900- 1981), e con tan só cinco anos xa amosa maneiras no instrumento. Corrían tempos nos que o prestixio dos grupos de gaitas era tal que se anunciaban nos programas das festas en igualdade de condicións do que as bandas de música, as rondallas ou as primeiras orquestras. Pola contorna destas mariñas os gaiteiros de máis sona eran Os Mariñáns, onde tocaba o seu pai. Dado o chamativo do caso, o cuarteto aproveitaba a precocidade do neno cedéndolle a gaita para abraio do público.

Despois da guerra, Manuel conta con 15 anos e xa é un consumado gaiteiro. É neste momento cando lle lanza un ultimato ao seu pai: ou constitúen o seu propio grupo co nome de Os Freires ou non seguirá tocando con el. E así é como nacen Os Freires de Oza dos Ríos, un dos máis sobranceiros cuartetos de gaitas do país. Os diferentes destinos de profesión como ferroviario irán aparcando a súa vocación como gaiteiro e pouco a pouco o grupo tamén cesará a súa actividade. O pasado fin de semana deixábanos Manuel, un dos derradeiros testemuños dunha tradición secular que esmorece.

Obituario remitido por Pedro Lamas.


Comentar