VOTAR E BOTAR
Opinión
16 Jul 2002. Actualizado a las 07:00 h.
Na lingua atópanse ás veces casos de palabras que se pronuncian igual pero se escriben de distinta maneira. Este é o caso de votar e botar. En galego, o primeiro ten o significado de 'expresar a opinión ou participar na toma dunha decisión mediante o sistema de votos' (A audiencia votou a favor de Javito) e tamén 'facer voto ou promesa relixiosa'. Fronte a votar , en galego existen dúas formas escritas con -b que se pronuncian de xeito diferente. Botar (con o pechado) significa 'facer que unha cousa chege a determinado lugar mediante o impulso; lanzar, tirar'. Botar (pronunciado con o aberto) defínese como 'facer que un corpo elástico rebote nunha superficie' (A pelota non bota ben). É incorrecto o uso de botar (con o aberto) co significado de 'brincar', ou 'choutar' ( O neno non para de brincar ; non *O neno non para de botar ). Sen dúbida, é o verbo botar (con o pechado) o que presenta un abano máis amplo de significados. Ademais de chimpar, botar é sinónimo de expulsar e despedir. Así, se A audiencia votou a Javito para que gañase Gran Hermano , A audiencia conseguiu botar a Patricia da casa . No primeiro caso, votar é 'emitir o voto', no segundo, botar é 'expulsar, facer saír dun lugar'. Son innumerables as expresións compostas con botar: botar unha sesta, botar chispas, botar terra a un asunto, botar de menos, botar man de algo, botar a culpa, botar leña ó lume... ¿Que botarán agora na televisión?