Imprudencia temeraria e xurado popular
Opinión
06 Oct 2003. Actualizado a las 07:00 h.
HAI ASUNTOS que non admiten erro, que pola gravidade das súas consecuencias constitúen, incluso para os profanos, unha imprudencia temeraria. Tal é o caso das sentencias dalgúns xuices que polo seu erro, prexuízo, desinterese ou nugalla permiten, un supoñer, que un maltratador reincidente e repetidamente denunciado acabe executando as súas ameazas. Cando un conductor baixo os efectos do alcohol provoca un accidente con resultado de morte, a calificación é rotunda, cando un xuiz erra gravemente no sentido indicado, e con resultado de morte, non pode ser outra. Compréndese a dificultade e a responsabilidade do seu traballo pero iso non pode eximilos cando o erro é tan grave. Aínda que só sexa polo ben desa maioría de xuices que exerce con tino a súa función. Para acreditar na xustiza estamos empezando a ter a desagradable necesidade de saber quen nos defende dela. O xurado popular, tan atacado en España polos de sempre -dende 1868- é a institución que garante o control democrático da xustiza e permite que todos erremos ou atinemos. Aprendímolo en Doce homes sen piedade , cando aquí os xuices aínda eran militares nalgunhas causas e noutras eran tan especiais que respondían ás siglas T.O.P. Os herdeiros dos que fixeron a Arias Navarro fiscal de ocupación na Málaga de 1937, teñen claro que toda a culpa é da instauración do xurado popular. Pois non. Un xurado errou en España pero outro condeou en Inglaterra hai vinte anos a Tony A. King. Nin alí atinan sempre, nin aquí erran sempre. Preguntémonos onde reside a diferencia, antes de culpar á sociedade que dá soporte á xustiza. Cando erra un xuiz, o mesmo que cando erra un xurado popular, o fallo reside no sistema xudicial ou mesmo o policial, non nunha das súas partes. Nin os xurados, nin os xuices, erran ou atinan sempre. Non pode admitirse que a única resposta do Fiscal Xeral diante dos erros da fiscalía sexa culpar ao xurado. ¿Ou é que son os xurados os que reúnen, fundamentan e presentan as probas e permiten airealas polos medios en xuizos paralelos? Como tampouco parece razoable que diante da evidente descoordenación das forzas policiais e a súa incapacidade para manexar adecuadamente a información disponible -refírome, claro, á recibida da policía británica no caso da Costa do Sol- a resposta do ministro de Interior sexa propoñer a creación de listas de persoas sospeitosas. ¿Se non manexan as que teñen para que queren amplialas? ¡Déixense de andrómenas! Estamos igual de preparados para a actuación do xurado popular que o estábamos para a democracia en 1975. Mal que lles pese aos de sempre.