Rumsfeld dubida
Opinión
25 Oct 2003. Actualizado a las 07:00 h.
NUN DOCUMENTO interno, que foi filtrado á prensa nestes días, Rumsfeld non é nada optimista en canto á loita contra o terrorismo, e semella debuxar un panorama máis ben sombrío que non cadra coas súas declaracións públicas cheas sempre de seguridade, optimismo e folgo guerreiro. Di que as cousas son moi duras e a longo prazo, que os resultados fanlle dubidar da guerra contra o terror que empezou o seu país, que o progreso é máis ben lento, que non se teñen conseguido triunfos verdadeiramente importantes, por máis que se tomaron medidas razoables e lóxicas, pero pode que non suficientes. Unha moral tan baixa non se podía agardar dese home de aceiro. Case seguro que nin Aznar nin Ana Palacio, nin os demais membros do Goberno, teñen a súa moral tan polo chan. Para erguer a moral de Rumsfeld ben podían os antes ditos regalarlle unha desas bandeiras cun touro pintado que acostuman despregar certos seguidores deportivos. Estou certo de que aquel agradecería o xesto -que todos eles terán por moi patriótico.