La Voz de Galicia

Outra vez King Kong

Opinión

MARINA MAYORAL

14 Jan 2006. Actualizado a las 06:00 h.

NA HISTORIA de King Kong, o gorila namorado, coinciden dous vellos mitos: o do tributo das doncelas, que coa figura do Minotauro recorre a literatura dende os gregos ata Borges, e o da besta namorada da beleza, que alcanzou unha das máis fermosas manifestacións na obra de Jean Cocteau. Das versións cinematográficas, a miña preferida segue a ser a de Cooper, en 1933. Da versión dirixida por Guillermin e producida por Dino de Laurentis en 1976 o único destacable era a beleza sensual de Jessica Lange. A última versión, a de Peter Jackson, ten algúns momentos conmovedores e de gran beleza plástica. Puido ser unha gran obra, apuntaba temas moi interesantes, pero acabou impoñéndose un aspecto comercial, de película de aventuras tipo Parque Xurásico , que a min resúltame insoportable. O máis irritante é que promete e non dá. Por exemplo, un mariñeiro noviño vai lendo e comentando Heart of darkness ( O corazón das tebras ), de Joseph Conrad. Todo suxire que a viaxe á illa da Caveira será unha viaxe á maldade do corazón humano. Pero na illa o mal está representado só pola natureza, polos agresivos animais prehistóricos que alí habitan, mentres que os homes parecen discípulos de Teresa de Calcuta: axúdanse e arriscan a súa vida por salvar a dos outros, coa única excepción do personaxe que encarna ao director de cine. O mellor desta versión, ao meu xuízo, é a humanización de King Kong. O gorila actúa como hoxe sabemos que o fan os grandes simios: dunha maneira moi semellante á nosa. King Kong é un gran macho solitario e orgulloso, final dunha especie, que ás veces parece incluso máis intelixente que a rapaza loira de quen se namora. A súa man tendida e a súa derradeira ollada á muller que provoca a súa morte son conmovedoras. As imaxes do gran gorila contemplando melancólico o solpor na súa illa e o amencer na de Manhattan coido que son das que permanecerán para sempre na nosa lembranza e na historia do cine. Só por elas paga a pena ver a película.


Comentar