O pacto do virus mortal
Opinión
05 Feb 2012. Actualizado a las 06:00 h.
O virus da gripe aviar (chamado H5N1) fíxose famoso na pasada década porque, aparte de exterminar a aves, causou a morte dun reducido grupo de persoas, aínda que a súa transmisión entre humanos é moi difícil. De selo, causaría unha pandemia de proporcións dantescas, como a da gripe española de 1918 -tamén unha gripe aviar- que matou entre 20 e 50 millóns de persoas. Cóntolles isto porque se está a cocer un guión que parece de película: dous grupos de investigación acaban de modificar ese virus de xeito que é posible a súa transmisión entre mamíferos, abrindo un serio debate. Por unha banda, pénsase que a publicación deses resultados daría unha receita a grupos terroristas para crearen (ou roubaren) unha arma biolóxica devastadora. Por outra, están aqueles que din que, máis tarde ou máis cedo, o H5N1 evolucionará para infectar tamén a mamíferos, así que mellor irse preparando con antelación. De momento deuse algo sen precedentes: os dous grupos de investigación pactaron a non revelación de detalles técnicos e unha moratoria nestes estudos, para debater nun cumio con outros colegas os pasos a seguir.