La Voz de Galicia

O triste non é Ronaldo

Opinión

<span lang="gl"> X. L. Franco Grande< /  span>

10 Sep 2012. Actualizado a las 06:00 h.

O verdadeiramente triste non é Ronaldo nin a súa suposta tristura. O triste é que haxa unha prensa capaz de dedicarlle atención un día si e outro tamén, con grande profusión de datos, a un feito que, aínda que fose real e non unha montaxe propia da prensa amarela, pouco significa á beira, por exemplo, da negra situación que vive este país.

E que, en calquera caso, non é senón un feito insignificante. Como insignificante sería que estivesen tristes Rajoy, ou Duran i Lleida, ou Javier Marías, ou Frau Merkel, ou o mesmo Barack Obama. ¿Por que entón esa desmedida atención a algo tan insignificante? ¿Que pode ter de interesante o caso?

Porque nin sequera morbo semella que se agache nel. Entón, ¿será que é ese un bo medio para distraer á xente dos problemas que ten e que en diante vai ter? O que mesmo produce abraio é a práctica unanimidade dos medios en salientar ese caso e non, por exemplo, as mentiras e trapalladas do Goberno, o seu escaso ou nulo talante democrático, a destrución sistemática do futuro de máis dunha xeración...

E aquí pode que cheguemos ao máis preocupante: que está facéndose patente unha clara falta de pluralidade na prensa española e, en xeral, na de todo o mundo. Non sei cantos poderán dicir, como eu podo dicir e digo, que escriben nun medio onde a pluralidade é manifesta. Pero, ¿é isto o común neste país? Pois claro que non o é, senón todo o contrario.

O triste, pois, non é Ronaldo. O triste é que teñamos unha prensa que xeneralice esas e outras banalidades e cale, ou case, cuestións nas que se xoga o noso porvir e o dos nosos fillos e netos, así como o do país mesmo, non merecente, paréceme, de ser tratado como a xentes incapacitadas necesitadas de tutela, dunha tutela ademais ilexítima. E indecente.


Comentar