Socialismo galego con maiúsculas
Opinión
24 Dec 2012. Actualizado a las 19:22 h.
A política como compromiso. Con ideas, con pensamento, con valores. O Estatuto, o Parlamento galego, a etapa no Congreso. Longa traxectoria por todos recoñecida. Sempre en adaptación ás distintas décadas, pero sempre coa coherencia do compromiso co socialismo democrático e co pobo galego. Socialismo galego con maiúsculas.
Galicia perde a un político de referencia, a un home de valores, con visión de país, con coñecemento detallado da nosa realidade. A historia galega recollerá o seu papel en prol da autonomía, na defensa dun socialismo galego con proxecto e capacidade de acción, na loita polos sectores produtivos do país. Sobre a súa traxectoria escribiranse páxinas e haberá tamén diversos recoñecementos. Todos ben merecidos. Pero hoxe non só se trata do pasado. Porque o que lle preocupaba non era a historia, senón o futuro.
Cando a política e os políticos resultan pouco cribles, cando a esquerda navega sen rumbo claro, cando o debate de ideas agoniza en tópicos e consignas fracasadas, cando o socialismo galego carece de proxecto político, atopaba forzas para apostar por un novo proxecto socialista galego. E o facía co optimismo do vello loitador, curtido polas navalladas da vida, e coa crenza profunda de que é o momento da rexeneración da política, das ideas, do socialismo galego. Ese é tamén o seu legado ao país. O compromiso coa renovación.
Seguirá sendo un home de pensamento e de reflexión. Quen lonxe de pechar o galeguismo dentro das fronteiras da terra, reclamaba a necesidade de ver máis aló, abrir a mente e aprender da realidade doutras experiencias actuais que permitan traer as mellores ideas para edificar o futuro de Galicia. Considerando que a política ten que construírse desde a capacidade que aportan as ideas, desde o coñecemento da realidade político-económica dun mundo cambiante e diverso, desde un debate de proxectos que permita reorientar as liñas de acción da gobernanza. O primeiro é debater o proxecto, reclamaba insistentemente. E o facía con convicción e rigor, non como unha escusa para evitar a renovación de cargos é elites políticas. Xustamente, porque esa renovación de persoas xa a consideraba imprescindible para poder conectar novamente coa sociedade e poder gañar o futuro.
Hai cinco días quedabamos en falar novamente. A conversa queda pendente. Pero o maior aplauso do último comité nacional galego recoñece, Cefe, o teu discurso en positivo.